REVISTA ABRIL

‘Vigo, aldea de noso’, temática dos Premios Exeria de relato curto

O Ateneo Atlántico de Vigo, xunto coa Fundación Xoán Piñeiro, e co patrocinio de Eduardo Vieira S.A. e Terras Gauda, convocan a cuarta edición do Certame Exeria de relato curto. Os escritos, orixinais, inéditos e non premiados xirarán arredor do tema Vigo, aldea de noso. Os textos poden entregarse ata o 10 de maio.

REVISTA ABRIL
Vista de Vigo desde a ría | P. Vázquez

Do mesmo xeito que tantos autores fixeron ao longo dos anos, agora tócanos a nós demostrar que nos inspira Vigo. O Ateneo Atlántico de Vigo, xunto coa Fundación Xoán Piñeiro, e co patrocinio de Eduardo Vieira S.A. e Terras Gauda, convocan a cuarta edición do Certame Exeria de relato curto. Os escritos, orixinais, inéditos e non premiados xirarán arredor do tema Vigo, aldea de noso. Poderán participar todas as persoas maiores de idade con un só relato, escrito en lingua galega, que sexa orixinal, inédito e non premiado. O relato, mecanografado con letra tipo 12 e a dobre espazo, terá unha extensión máxima de 5.000 caracteres, incluídos os espazos e o título.

O prazo de entrega remata o 10 de maio. Para participar hai que enviar un correo electrónico a exeria@ateneoatlantico.gal, co asunto “Certame Exeria 2024”, onde se adxuntarán o relatco e a plica. O xurado, presidido por unha persoa de recoñecido prestixio no eido cultural, estará formado ademais polos dous gañadores do Premio Exeria 2023, unha persoa designada polo Ateneo Atlántico e outra pola Fundación Xoán Piñeiro. A secretaría do certame participará con voz pero sin voto. O ditame do xurado e a entrega dos premios terá lugar na primeira semana do mes de xuño.

Hai dous premios: un para a persoa gañadora, que constará de 1000 euros e unha figura da escultora Cuqui Piñeiro, e un accésit de 500 euros. Consulta aquí todas as bases.