REVISTA ABRIL

Viaxes gratis no Cometa e no bus turístico para celebrar o Día sen Coche

Estes días estase a celebrar a Semana Europea da Mobilidade, na que se pretende concienciar á poboación sobre o uso sostible dos medios de transporte. Ademais, haberá numerosas actividades, como o Evento do Automóbil Ecolóxico e o paseo no Cometa, o primeiro Vitrasa da cidade.

O transportes eléctricos serán os protagonistas esta semana

Do 16 ao 22 de setembro celébrase en toda Europa a Semana da Mobilidade, unha campaña dirixida a sensibilizar, tanto aos responsables políticos como aos cidadáns, sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé.

O xoves 20 e o venres 21 terá lugar na Porta do Sol o Evento do Automóbil Ecolóxico, no cal haberá unha exposición pública de vehículos turismo para difundir o coñecemento xeral da mobilidade ecolóxica. Ademais, contaremos cunha publirreportaxe na revista YOTAXI (edición Galicia) e cátering con degustación de viño na carpa.

REVISTA ABRIL

Outra das actividades desta semana será a posibilidade de dar un paseo gratuíto no Cometa, o primeiro Vitrasa da historia, símbolo da compañía e presentado en 1968. Será o sábado 22, coincidindo co Día Europeo sen Coches. A pesar de ser de balde, é necesario reservar praza, xa que o vehículo só ten capacidade para 20 persoas. O traxecto arrincará no Paseo de Alfonso, e fará un breve percorrido por Policarpo Sanz, García Barbón e Isaac Peral. Os horarios para realizar esa viaxe serán de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00.

O sábado e do domingo, todos os vigueses e viguesas que o desexen poderán subir, de balde tamén, ao bus turístico de Vitrasa, que os levará polos lugares máis emblemáticos da cidade, como o monte do Castro, o Paseo de Alfonso, Castrelos ou Samil. A maiores, a liña C1, unha das máis transitadas, tamén será gratuíta este día.

Por último, a asociación A Golpe de Pedal ofrecerá este mércores 19 a oportunidade de probar bicicletas eléctricas na Porta do Sol en horario de tarde e, a falta de confirmación, o venres organizarán xunto con COGAMI un evento fronte ao Museo MARCO no que quen queira poderá probar cadeiras de rodas eléctricas para vivir en primeira persoa as dificultades das persoas con minusvalía física.