UVIGO
FILLOAS

Vegana volve cun programa de actividades ampliado

Showcookings, degustacións, charlas sobre veganismo, ioga, concertos, actividades para nenos e ata un tinder vegano son algunhas das propostas da Feira Vegana para a súa segunda edición, que terá lugar no IFEVI do 1 ao 3 de xullo.

Imaxe da primeira edición de Vegana no 2021 | Carlos Casanova

Vegana, a feira vegana máis grande de Europa, saca toda a artillería para a súa segunda edición despois do éxito da súa estrea en 2021. A falta de pouco máis dunha semana para o seu inicio, a organización desvela un ambicioso programa de charlas, showcookings e unha ampla oferta de lecer para todas as idades.

O escenario de charlas de Vegana 2022 acollerá diversas intervencións relacionadas coa temática do evento en todas as súas vertentes, tanto laboral, como científica, ética, económica, social e educativa. Participarán profesionais e activistas como a xornalista Paula González, fundadora de The Vegan Agency; Verónica Larco, directora de ProVeg España; Laura Jiménez, representante da Unión Vexetariana Española; Borja Monzó, en representación de V-Label; as nutricionistas Maika López e Natalia Albino, de Nustrisalud; o divulgador científico Gonzalo Quesada; o profesor de filosofía en la USC Óscar Horta; o creador da marca Bask Jon Kareaga; Marc Coloma, activista e co-fundador de Heura Foods; as creadoras de contido Izaskun Unibaso e Rocío Cano; o activista Bruno León; ou a politóloga Míriam J. Lastra. Entre as citas imprescindibles do programa, atópase o “café con Macu, vegana desde 1979”, ou a mesa redonda que afondará na necesidade de incorporar menús veganos nos comedores escolares, na que participarán representantes das asociacións FOANPAS e ESVECO xunto a Izaskun Unibaso e Rocío Cano. Por último, tamén terán o seu espazo membros de santuarios e ONGs como Vacaloura ou Tu Abrigo su Vida.

Os showcookings —con degustación final— irán da man de recoñecidos profesionais como Gerson Iglesias, Míriam Fabà, Matías González, Álex Pirla, Natalia Rey, Andrés Otero, Cholo García, Aida Lídice, Gabriel López, Iván Iglesias e Lidia González. Haberá unha completa zona infantil que se dividirá en tres grandes espazos nos que se ofrecerán obradoiros gratuítos de cociña (Mini  Vegan Chef), ioga, contacontos, cerámica, agroecoloxía, pintacaras, creación de tinguiduras naturais, marcapáxinas botánico, banda deseñada e un espazo de lectura.

Na programación tamén terán protagonismo o ioga, a maquillaxe vegana, as plantas e os xogos, como o Vegan Tinder, un programa de citas rápidas presentado por Lorena Izquierdo e Jenny Rodríguez, ou o Skeirrum, actividade que converterá o recinto feiral nun enorme taboleiro de xogos cheo de enigmas e misterios. Tampouco faltarán o cinema social nin os concertos, ofrecidos polo cantautor valenciano Luis Carrillo, a cantante e compositora viguesa Ronseya, e os grupos locais Nós e The Hendersons. Toda a información sobre o programa e os horarios está dispoñible na web do evento.

CAMELIAS NADAL

Por suposto, na feira tamén haberá food trucks, restaurantes, casetas de alimentación, bebida, moda, calzado, cosmética, artesanía e diversos servizos veganos e sostibles. A adquisición de entradas (gratuítas para menores de 12 anos, maiores de 65, persoas en situación de desemprego e persoas con diversidade funcional) pode realizarse entrando na web vegana.gal