Unha noite de venres tan movida como diversa
Cando dicimos iso de se quedas na casa é porque queres, non mentimos. En Vigo hai movida para tódolos gustos. A noite de onte destacou por tres eventos que nada teñen que ver entre si e que congregaron e fixeron vibrar a públicos ben distintos entre si.
Treixadura non defraudou. Volveu engaiolar ao público co seu ‘Inda canto’ e demostraron que aínda teñen corda para cantar e bailar coa enerxía que os caracteriza. Un García Barbón ateigado de xente foi sen dúbida o mellor escenario que a agrupación podía ter para a presentación deste novo traballo tras 28 anos de andadura. Un dos momentos máis emocionantes da noite foi a interpretación do tema ‘O carro’, unha versión propia da agrupación cos versos de Manuel María. Conseguiron que o público cantase e se emocionase con eles.
Non moi lonxe de alí, dábase cita o mellor da Movida viguesa en El Ensanche. Unha festa que levaba por nome ‘Chin Chin F’ en honor a un tal F, que agora xa podemos desvelar que se trataba do xornalista Fernando Franco. non era un cumpreanos, tampouco unha xubilación. Era unha homenaxe, por que? Polo único motivo de ter algo que celebrar e unha escusa para reunir na cidade a artistas que destacaron nos tempos da movida viguesa e outros que chegaron despois. Iso era o que se empeñaba en dicir o recoñecido xornalista cultural. Non obstante, todos os que alí estaban, estaban por el. Con Carlos Velero como mestre de cerimonias foron desfilando polo escenario La Banda de Nash, Patricia Moon, Alberto Comesaña, Teo Cardalda, Tony Lomba o grupo Gallo Rojo, composto para a ocasión por Silvino de Aerolíneas, Luis de Golpes Bajos e Javi de Semen Up, Nuria Cora e Mon Cancela, ex-líder de Los Lombardi. Todos os alí reunidos puideron revivir temas como el ‘Lo estás haciendo muy bien’ interpretado por Alberto Comesaña, un dos momentos álxidos da velada.
O público máis novo reuniuse en Churruca. A Sala Doppler, un novo local na zona de Irmandiños que aspira a converterse en referente da música urbana na cidade, acollía o concerto de Sondarúa. O grupo formado en Pontareas polos novos Hugo Guezeta e Álex Arnoso convenceron co seu hip-hop ao público que encheu a sala para velos. Presentaron o seu traballo ‘Liberando mentes’, cheo de letras críticas e uns ritmos instrumentais moi traballados. Na actuación tampouco faltou a reivindicación. Subiuse ao escenario un dos membros de La Insurgencia, condenados a 2 anos e un día de cárcere por enalticimiento do terrorismo, reivindicando a liberdade de expresión. Un cántico ao que se sumaron tanto os propios Sondarúa como todos os alí presentes.