VIALIA
bannerPicnicSesions

Un xogo online invítanos a percorrer Galicia desde a casa en busca de pistas

U-lo Xurxo? é o nome deste xogo de pistas ideado pola cooperativa de educación e lecer Aventeira. É un xogo gratuíto pensado para toda a familia. Os participantes terán que ir na procura (online) de Xurxo, un peregrino do que se perdeu o rastro.

REVISTA ABRIL

“Un amigo noso, Xurxo Crespo, ía facer o camiño de Santiago hai un par de meses, quedou en virnos visitar cando rematara… Pero nunca se puxo en contacto con nós”. Con esta premisa dá comezo U-lo Xurxo?, un xogo de pistas e investigación online gratuíto ideado para agudizar o enxeño e pasar un bo rato nestes días onde toca quedarse na casa.

“As últimas novas que temos del son que pensaba aloxarse en Silleda a noite do 21 de febreiro, pero a xente do hostal nos confirma que nunca chegou alí…”. Aventeira, a cooperativa de educación e lecer que está detrás do xogo, fai na súa web un chamamento á cidadanía para que lle axuden a atopar ao seu amigo “desaparecido”. Os
xogadores e xogadoras que decidan unirse á pescuda terán que ir descifrando pistas e recorrendo varios puntos de Galicia de xeito virtual
co fin de achar ao peregrino.Para botarlles unha man non se precisa moito máis que contar cun móbil ou ordenador conectado á rede e espertar o instinto investigador que todos e todas levamos dentro. Esta proposta lúdica en galego está dirixida tanto a pequenos como a maiores, aínda que se recomenda xogar en equipo coa familia ou amigos para unha mellor experiencia.

Non hai tempo que perder para dar co Xurxo… Úneste á busca? U-lo Xurxo? Podes comezar o xogo aquí.