CAMELIAS MASCOTAS

Un pobo secular

A praza do Pobo Galego está acaroada ao Colexio de Arquitectos, tras a centenaria taberna de Eligio. O nome débese a El Pueblo Gallego (EPG). Alí estivo a imprenta desque en 1924 comezara a saír. Un xornal republicano e pronacionalista. Nas follas atopamos a Castelao, Álvaro Cebreiro ou Roberto Blanco Torres. Bos e xenerosos unidos a prol do autogoberno. Que memorable portada cando o triunfo do estatuto! Días despois, estoura a guerra.

El Pueblo Gallego gañou un espazo na prensa da man de Manuel Portela Valladares, home, de rostro mouro e cabeleira branca que viña do agrarismo combativo e militaba no centrismo. Exerceu como presidente do goberno da II República Española. A guerra levouno a Francia, onde sería detido pola Gestapo, a policía secreta da Alemaña Nazi. Mais axiña celebrará a vitoria do Exército Vermello tomando Berlín. Pouco despois acolle entre os seus brazos a Enrique Líster, o galego que chegou a xeneral das tropas soviéticas, e ambos fundan o Bloque Repubricán Nazonal Galego. Portela morre exiliado. Pro EPG seguía imprimíndose desque no 36 se mutara nun órgano do feixismo. O primeiro director, Jesús Suevos, era un seareiro nazi. Logo viría J. M.ª Castroviejo, de educación carlista pro latexar galego. Canda o seu amigo Álvaro Cunqueiro redactaron liñas memorables, das que saben a mel e enfían fantasías nos ollos.

REVISTA NOVEMBRO

Coa morte de Franco no 75, EPG arrefría. O teto da ditadura secárase, pro os gastos proseguían. Catro anos despois, pechou. Sería bo que na citada praza se explicase a razón do seu nome e se reproducise algunha das portadas. Por exemplo, a dun 25 de xullo. Sería memoria perenne, esta vez si, do pobo galego.

Xurxo Martínez González

Historiador