VIALIA
bannerPicnicSesions

Un paseo pola Revolta Irmandiña

A maxia existe aquí e acolá. En cada parcela desta vida xeograficamente abrupta. A fantasía enche de vida o ceo. A cativada ten o don, enfraquecido no gañar dos anos até volvernos insensatos, de imaxinalo todo. Mesmo o imposible. Durante as viaxes en coche, lembro lugares de misterio para o pícaro que fun.

REVISTA ABRIL
Localización das antigas Torres de Padín | Foto: Xosé Counhago

Por exemplo, ao cruzar a ponte de Rande —ou de Randus, antropónimo de orixe xermánica—, sinalaba «a illa dos piratas». Disque agocharan tesouros repartidos entre mar e terra. Entón cría ver chimpar polos cons un patacoxa cunha daga entre os dentes. Agora creo entender a mestura de Francis Drake coa batalla de Rande. En dirección a Ourense, na altura de Cans, buscaba o perfil de Beethoven. Aló arriba, nos penedos, figurábase unha forma de pianista co instrumento. Entón cría sentir a rotundidade da quinta sinfonía a vibrar no vento. Agora diviso o xogo de rochas que recrea un imperfecto retrato.

Isto vén ao fío dun punto exacto da cartografía viguesa moribundo no esquecemento. En realidade, a metade dun punto exacto, pois a outra foi estourada por maquinaria moderna. Situémonos na entrada da AP-9, no linde con Redondela. Na marxe dereita, albiscamos un outeiro cun carballo no cume: velaí as Torres de Padín. En 1989, o arqueólogo Hidalgo Cuñarro certificou neste sitio a existencia dun castro que logo cedeu paso a unha torre amurallada. O control visual de ría e camiños era total. Mais nada impediu que a furia irmandiña, coa razón dos oprimidos e coa xustiza do fouce, desfixesen pedra a pedra un símbolo da violencia máis cruel. A segunda Revolta Irmandiña (1467-69) sentiuse en varios puntos da urbe viguesa. O Castelo do Penso, sito nun punto da ladeira do Castro, foi derrubado por completo. A Torre de Busteu (Freixeiro) ou a Torre dos Mouros (Candeán) foron cinsa. A raiba da xente humilde cortaba até o vento. E a historia detívose pra dar quentura, esperanza e luz aos desposuídos. A toponimia popular fálanos desta biografía terreal. Iván Sestay recolleu os microtopónimos do Castrillón e da Torre. A día de hoxe, consérvase unha diminuta testemuña daquela edificación medieval. Carlos Barros, o noso especialista nas revoltas irmandiñas, datou nun 25 de abril o inicio desta segunda rebelión popular. Unha feliz coincidencia no calendario coa Revolución dos Caraveis en Portugal. Eles celébrano, nós nin nos lembramos.

De novo no auto, os meus ollos impúberes detíñanse na «Pedra da Moura», sita nas Torres de Padín. Alí, a muller de cabelo dourado saía peitearse pola lúa chea. Entón cría sentir o bruar dunha brisa entre os dentes do peite mentres a moura cantaruxaba polo baixo. Agora observo a tallada da barbarie humana que, de adulto, sigo sen comprender.