Últimos días para presentarse aos premios Xuventude Crea
O próximo xoves 10 de outubro remata o prazo de inscrición do Xuventude Crea, certame que busca favorecer e fomentar o traballo creativo da xuventude galega en múltiples disciplinas: artes plásticas, arte urbana, banda deseñada, cociña, creación de contido, creación de videoxogos, danza moderna, deseño de xoias, DJ, fotografía, moda, música, novela curta, poesía, teatro e videocreación. Podes consultar aquí as bases.
Xuventude Crea pretende actuar como estímulo económico para a mocidade, pero ante todo quere ser un trampolín para mostrar as propostas da mocidade galega, un escaparate no que o público poida coñecer a estes novos talentos e ás súas obras nun amplo abano de especialidades, e tamén ofrecerlles a oportunidade de dar a coñecer o que fan, actuar como a canle de divulgación das inquietudes artísticas individuais e colectivas da xuventude galega, e fomentar entre os mozos/as actividades de ocio e tempo libre saudable.
Vai dirixido aos mozos ou mozas galegos/as ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano de cada convocatoria, agás o establecido na parte específica de cada especialidade. Enténdese por profesional aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta na que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónomo/a nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade. Salvo no caso das especialidades de arte urbana, cociña, creación de videoxogos, danza moderna, música e teatro, a participación será sempre a título individual.
A dotación económica dos premios por cada unha das especialidades é:
- 1º premio: 2.000 euros
- 2º premio: 1.500 euros
- 3º premio: 1.000 euros
Non poderán participar nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio desa mesma especialidade na edición do ano anterior. Ademais dos premios, a convocatoria prevé axudas económicas para as persoas participantes que accedan á fase final de determinadas especialidades e, o que é máis importante, as obras finalistas e premiadas terán a vantaxe de ser obxecto de difusión e promoción de forma que se fará visible o talento e a creatividade das súa persoas autoras.