UVIGO
FILLOAS

Txomy Jones (Frenopátiko): “As propietarias unicamente vían cartos na propiedade e eu sobraba na ecuación”

Hai un mes, botaba o peche o Frenopátiko, un dos pubs máis underground da cidade. Este local situado en pleno corazón do Casco Vello (rúa Real, 17 ) foi, durante dezaseis anos, casa do metal, o hardcore, o punk, o rock e moitos outros estilos musicais da cidade. Agora pecha, pero non pola COVID-19, senón por desacordos coas propietarias do edificio.

Txomy Jones tocando a batería | Seva Figueirido

Como comeza o Frenopátiko? que vos leva a montar a sala no 2004?

En outubro de 2004 deixei de traballar no bar América da Rúa Ecuador e decidín montar outro bar, pero mais orientado a noite e caracterizado pola música alternativa, así foi como comezou o Frenopatiko. Cando o deixou o meu antigo socio, alá polo 2009, tirei a metade da barra e montei un pequeno escenario no que ensaiaba coas miñas bandas. Pouco despois, comecei a acoller concertos e despois con Jorge de S. W. G. montamos o estudio de gravación.

Como respondeu a clientela, os amigos e a escena ao peche do local?

Lamentouno moitísima xente, o que máis me sorprendeu foi o apoio internacional que tiven este último mes… as mensaxes de apoio foron constantes, desde Brasil, Chile, Portugal, Francia, Servia, Croacia, Alemaña… e moitísimos puntos de España. E, por suposto, os clientes habituais de tódalas fins de semana quedaron bastante amolados.

O local estaba consolidado como un dos referentes do metal extremo do noroeste peninsular e colaborabades con promotoras tanto galegas como portuguesas.

Si, e máis algún convenio con Sudamérica encabezado por Brasil e un circuíto nacional de xente moi honesta. Dentro da Galiza teño que agradecer a inestimable colaboración de Nigra Mors ( Ourense) e en Portugal o Metalpoint (O Porto).

Aínda centrado no metal extremo estaba aberto a concertos de bandas de todos os estilos. Polo Freno pasaron grupos de punk, rock, post-rock, experimentais…

O Frenopátiko tivo apoio de diversas promotoras de Vigo centradas en estilos diferentes coma Cold War Crew, El Fary es Dios, Natural Disasters e outras moitas nacionais e internacionais o que fixo que viñeran moitisimas bandas. E tamén a través de Solucións Extremas, que é unha promotora que levo co meu gran amigo Robert de Ponteareas

Polo Freno pasaron bandas dos cinco continentes. Cales son para ti os concertos máis destacados destes anos?

É unha pregunta complicada pero vou enumerar uns cantos: Lehnen, Bölzer e Mantar, La Casa Phantom, Vulcano Warfect e The Grief, Ragnarok e Nervochaos, os Solucions Extremas e Brutologueiros, Napoleon, Aathma, Handfull of Hate e Aanomm, S. W. G. Sete Star Sept e Satan, Andralls Hellight e Infrahumano, Executer, Holocausto Canibal, Antivoid, Barbarian Swords, Balmog, Hongo, Surra, Fermento, Vermis Antecessor, Guilles, Violence, Drengskapur, kolac, Xerion, Forest of Doom, Krush…. Moitos concertos e moitas noites inesquecibles.

Tamén organizastes numerosos festivais. De entre eles destaca o Solucións Extremas que ademais gravabades. Como xurde a idea do festival? Como valoras que produtoras de fóra apostasen pola sala para ese tipo de eventos?

Para explicar os festivais de Solucións  Extremas teño que remontarme a súa creación en 2008. Daquela, estaba próximo o peche da mítica sala Anoeta e nos xuntamos tres amigos para facer unha pequena promotora orientada a música extrema. Organizamos o primeiro festival na sala Anoeta e os seguintes concertos en salas como Remache (actual Master), Habana 20, no mesmo ano pasamos de ter concertos de cerca de 200 persoas a 8. A nosa premisa sempre foi a autoxestión e abaratar os custes das producións o máximo para poder axudar as bandas o máximo posible. Despois dun par de anos e algún golpe interesante, decidimos comezar a montar os bolos no Frenopátiko onde contabamos con backline básico e, tempo despois, con estudio de gravación. Os Solucións Extremas Fest xurde coa idea de facer un festival con gravación e posterior edición en CD, polo queo Frenopátiko converteuse no lugar idóneo para a organización dos nosos festivais e contabamos con apoio de Weah e Davida nos deseños dos cartaces e moitos colaboradores que nos axudaron ofrecendo sitio para durmir os músicos coma A Quinta da Carmiña. Esas promotoras de fóra de España que comezaron a pasar polo bar demostraban que estabamos a facer un bo traballo e animáronos a mellorar en cada evento.

Ademais de como Pub funcionaba como local de ensaio e estudio de gravación. Cantas bandas ensaiabades agora e cantos discos producistes no local?

Nesta última etapa ensaiabamos Esquizofrenia Paranoide, Corteza Inhumana e Ben Sen Medo, pero chegamos a ensaiar sete bandas, en canto a discos que saíron do estudio pois máis de vinte.

Vos non pechades pola crise da COVID-19 se non por que vos botan para demoler o edificio
Como foron estes anos de loita contra a propiedade?

Pois foron bastante duros xa que me fixeron a vida imposible para tentar que abandonase o local… a batalla durou cerca de tres anos que condicionaron moito a hora de organizar cousas a longo prazo, pero igualmente a situación nos fixo crear moita música ante a incerteza dun peche próximo… Esprememos o local de ensaio ó máximo. Ata que comezaron os problemas coa propiedade mantiñamos unha actividade frenética cunha media de dúas ou tres datas o mes.

O edificio foi restaurado con subvencións públicas e leva mais de 15 anos baleiro e sen mantemento. Tamén tentastes facerte co alugueiro da casa enteira para contribuír a súa conservación e negáronse, non?

Si, tentei alugar todo para restaurar pero as propietarias unicamente vían cartos na propiedade e eu sobraba na ecuación. Pasaban absolutamente de todas as súas responsabilidades, coma non ter seguro nunha propiedade que, pola falta de mantemento, deteriorouse moito. É moi triste.

Como valoras o apoio e a evolución da escena viguesas e galega nestes anos

Desde os meus inicios medrou moito, o malo é que cada vez hai menos sitios para tocar. No aspecto do apoio hai de todo… pero para non meterme en terreos farragosos vou salientar e presumir dos habituais do Frenopátiko que ademais de pasar por alí, houbese ou non concerto, se había concerto botaban unha man no que fixera falla; con xente así daba gusto facer concertos e o ser un sitio pequeno sempre acababan as noites cos músicos mesturados con toda a xente do bar.

Que plans de futuro tes unha vez terminada esta etapa?

Pois agora mesmo teño múltiples proxectos rondandome a cabeza e espero que algún deles me leve a viaxar o máximo posible polo estranxeiro…. O que si podo garantir é que vai pasar moito tempo ata que volva a ser autónomo. De todos modos, montarei algún que outro concerto moi posiblemente no Tronko bar de Pontemuiños

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.