CAMELIAS MASCOTAS

Tres ideas de regalo de Panda Bohème para mentes artísticas

Os xerentes da papelería Gourmet, Panda Bohéme, dannos tres ideas de regalo para os nosos amigos ou familiares máis artísticos: plumas estilográficas Twsbi, axendas Iconic e mochilas Doughnut.

Ana e Álvaro decidiron un día pechar o estudio de arquitectura que tiñan en Madrid e emprender o camiño cara á terra natal dela: Vigo. O obxectivo deste cambio de vida era formar unha familia e buscar unha profesión que lles permitise conciliar, cousa que coa arquitectura vían difícil. Tras barallar varias opcións, xurdiu a oportunidade da papelería, unha afección que decidiron converter en profesión. En 2019 colleron o traspaso dunha pequena papelería en liña chamada Panda Bohème, mantiveron o nome e o selo característico da marca; pensan que o festivo oso panda que locen na fachada do negocio casa perfectamente coa idea da vida bohemia que tantas veces se relaciona co mundo artístico. Os responsables consideran que a denominación «papelería gourmet» coa que definen o negocio é moi acaida, xa que nos andeis da tenda non atopamos paquetes de folios barateiros ou bolígrafos xenéricos, senón o mellor papel para escribir con pluma ou os bolígrafos máis cómodos para as xornadas maratonianas de preparar unha oposición. Aquí selecciónanse produtos exclusivos, de alta calidade, que non son fáciles de atopar noutros sitios, sendo nalgúns casos o único punto en España onde se poden atopar certas referencias. Esta papelería céntrase en produtos de papel e escritura, e as marcas coas que traballan proceden de puntos xeográficos tan dispares como Corea, os Estados Unidos, Taiwan ou o Xapón.

PLUMAS ESTILOGRÁFICAS TWSBI:

REVISTA NOVEMBRO

Para regalar materiais de escritura que estean á altura dos grandes creadores recomendamos pasar por Panda Bohème, que nunca decepciona. As taiwanesas plumas estilográficas Twsbi (desde 28,90 €) destacan por basearse nun deseño transparente que deixa ver o mecanismo interior da carga. A maioría non levan cartucho, senón que se cargan directamente desde o tinteiro, o que permite que teñan moita máis capacidade. Trátase dun elemento de gozo para os tolos que aínda escribimos con pluma. Para quen se asuste porque o mecanismo poida ser difícil de manexar —que non o é—, o negocio dispón de titoriais en YouTube, e proximamente organizaranse encontros entre usuarios de estilográficas para resolver dúbidas.

AXENDAS ICONIC:

Na papelería de María Berdiales este ano hai máis axendas que nunca, como as coreanas axendas Iconic (desde 8,90 €). Para organizar o 2024 desde o primeiro, estas axendas contan con gran variedade de deseños e formatos para poñer sobre o papel ideas, plans e propósitos. Talvez nos dea por pensar que non hai maneira de organizarse, pero isto é só porque descoñecemos todas as posibilidades que existen. Iconic ten axendas enfocadas a diferentes gustos (para ambientes profesionais ou informais, axendas ilustradas, para afeccionados ao journaling…). Os interiores son maioritariamente semanais, pero cada serie ten as súas particularidades. Como punto forte a ter en conta, todas as encadernacións, tanto as de cuberta flexible como as de tapa dura, permiten unha comodísima apertura de 180 graos sen incómodas argolas.

MOCHILAS DOUGHNUT:

E non nos esquezamos da posibilidade de levar todos estes produtos a nonde queiramos. Para iso contamos coas mochilas Doughnut (desde 74,95 €). Esta marca de Hong Kong fabrica unhas mochilas que son un modelo de conxunción entre calidade e deseño, con combinacións de cores moi atractivas e materiais ultrarresistentes, moitos deles reciclados. Ademais, varios dos modelos son veganos. E un dato importante para esta terra nosa: son impermeables! A serie Macaroon está dispoñible en tres tamaños, con mochilas perfectas para a vida na cidade!

Panda Bohème | rúa de María Berdiales, 15 | 604 01 74 16 | pandaboheme.com | @pandaboheme

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)