CIRCO DE NADAL
JORGE PARDO

‘Tras la valla’, a curta galega sobre os migrantes en Marrocos xa se pode ver en Youtube

Xa se pode ver en aberto a curta documental “Tras la Valla”, producida pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e pola Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP).  Foi filmada por un equipo de xornalistas galegos o pasado xullo na cidade marroquí de Nador, a escasos 10 km de Melilla. 

O documental pretende dar a coñecer a dura realidade á que se teñen que enfrontar os innumerables migrantes subsaharianos que se quedan atrapados nas cidades fronteirizas do norte de Marrocos, pois non poden nin saltar o valado e continuar a súa travesía cara Europa, nin tampouco son cidadáns de pleno dereito en Marrocos ao carecer de documentación.

REVISTA NOVEMBRO

A curta supón un golpe de realidade de 20 minutos de duración, nos que se amosan os problemas do día a día destas persoas, os seus soños e esperanzas e o seu pasado, que os levou ata onde están hoxe. Os protagonistas, a guineana Bari Fatimatah e o costamarfileño Kone Mohamed, contan as súas historias nos seus países e o seu presente en Marrocos, onde a realidade lles é totalmente hostil. Coa mirada dos protagonistas, o documental é quen de poñer cara e sentimentos ás estatísticas que tantas veces se comentan en Europa, polo que a curta resulta moi útil para descubrir unha realidade oculta á vista de moitos cidadáns occidentais.

Para os tres alumnos que remataron a súa formación do IX Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional en Marrocos, producindo este documental, a experiencia foi máis que sobresaínte. “Fumos quen de coñecer unha realidade non moi coñecida para nós e ademais aprender a contala, dando lugar a este documental”, comentan. Nestes momentos estase a levar a cabo a seguinte edición deste Seminario organizado por Agareso e por ACPP, que levará no futuro a máis estudantes a ampliar os seus coñecementos a terras africanas.

Realizan o traballo en terreo e de montaxe os alumnos do IX Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional Verónica Couto Tasende (Guión), Fran Rodríguez Casal (Dirección de Fotografía e Edición), Andrés Vázquez Martínez (Guión) e os voluntarios de Agareso que os acompañaron Antonio Grunfeld Rius (Direción) e Uxía Pérez Fieiras (Produción). Os alumnos foron seleccionados en función das entregas de traballos que tiveron que facer ao longo do desenrolo do Seminario.