Touriñán e Perdomo, Treintañeras Cañeras e El Nido esta fin de semana en Vigo
Esta fin de semana Xosé A. Touriñán e David Perdomo estarán despedindo en Vigo o seu exitoso espectáculo ‘Corentena’, os vigueses Treitañeras Cañeras subirán ao escenario da sala Master e os burgaleses El Nido farán o propio na sala Rebullón. Tamén haberá swing, mercado solidario, recital e moita música. Para máis información, preme nos títulos e, se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana en Vigo, entra na axenda de A Movida.

MERCADO SOLIDARIO AIDA BOOKS – Venres de 11:00 h a 20:00 h no Centro Comercial Vialia – De balde
A librería de segunda man Aida Books and More organiza un mercado solidario co obxectivo de recadar fondos para a ONG Aida. Trátase dunha organización non gobernamental española que traballa en proxectos de cooperación ao desenvolvemento e axuda humanitaria en países en vías de desenvolvemento de Asia, África, Oriente Medio e América Latina. Neste mercado poderás atopar libros desde tan só un euro.
HOOFERS CLUB CON SWING ON THE RECORD – Venres de 18:30 h a 20:00 h na Caixa de Ritmos – De balde
A tarde comezará cunha práctica libre de lindy hop, jazz, tap e balboa e xusto despois terá lugar unha nova edición do Swing On The Record con Carlos Tomico. Se queres pasar unha tarde entretida e alegre, non dubides en ir. E non esquezas levar unhas moediñas por se queres tomar algo no bar!

PRESENTACIÓN E RECITAL ‘CANTOS DE DOR E LIBERDADE’ – Venres ás 19:30 h en A Morada – Caixa inversa
A Morada acolle a presentación e recital de Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina. Esta antoloxía poética reúne corenta e dous poemas e doce ilustracións de diversos artistas que alzan as súas voces e mans en favor de Palestina. No recital, participan os poetas Marga do Val, Cesáreo Sánchez, Marta Dacosta, Eva Teixeiro, Chus Prol, Moncho Iglesias Míguez e María Álvarez Landesa. É un evento con caixa inversa solidaria. Todos os beneficios, xunto cos da propia obra, irán destinados a UNRWA para a axuda humanitaria en Gaza.
Ibuprofeno Teatro presenta este espectáculo de gran formato para público adulto, con oito actores-músicos que forman unha charanga e interpretan a banda sonora en directo. Entre o íntimo e o político, a montaxe é un exercicio de memoria histórica ao redor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo. A obra céntrase na peripecia vital do pai do autor, un home que traballou no estaleiro Ascón durante 30 anos. Esta figura sintetiza as vivencias de toda unha xeración, que sufriu o paro polo peche da factoría en 1984 e viviu as mobilizacións históricas que tiveron lugar nos anos 70 e 80.
TREINTAÑERAS CAÑERAS – Venres ás 21:30 h na Sala Masterclub – Desde 10,50 €
Treintañeras Cañeras é unha banda viguesa de rock’n roll formada a mediados de 2017. Co final da pandemia publican o seu primeiro Ep de estudio, baixo o nome Música para el programa de Bertín Osborne, co cal comezan unha xira por salas co único propósito de atormentar a todo ser vivo que se lles cruce polo camiño. Agora, veñen pechar esta xira na casa, dándolle fin cun concerto xunto aos madrileños Mezkinos.

VEINTIUNO – Venres ás 22:00 h na Sala Rouge – Desde 27,50 €
Veintiuno chega a Galicia, da man da súa nova xira Mitología, cun concerto na Sala Rouge. O cuarteto toledano, tras uns meses de intensidade nos que sorprendeu ao público co seu paso por diversos festivais nacionais (destacando a súa gran actuación no Caudal Fest), decide ofrecer concertos máis íntimos.
‘CORENTENA, GAME OVER’ – Sábado ás 19:00 h e ás 21:30 h no Teatro Afundación – Desde 16,20 €
Pasado o tempo de pandemia decátasche de que o antídoto contra calquera novo virus está moito máis preto do previsto. Decides emprender un emocionante camiño cheo de obstáculos e emocións para atopar o remedio a todos os teus futuros problemas. Unha viaxe chea de seres estraños, personaxes xa coñecidos e outras criaturas nunca vistas. Volve Corentena, o espectáculo máis exitoso de David Perdomo e Xosé A. Touriñán.
‘Y FUIMOS HÉROES’ – Sábado e domingo ás 20:00 h na Sala Ártika – Desde 11,00 €
Esta emotiva obra de teatro familiar explora o poder da amizade e da superación persoal a través da historia de Joe-Joe e Spider, dous nenos que afrontan xuntos os retos da infancia. Creada por La Nave del Duende e Karlik Danza Teatro, baixo a dirección de Cristina D. Silveira, esta proposta conxuga teatro e movemento para ofrecer unha experiencia conmovedora e chea de sensibilidade. Un espectáculo que celebra a valentía, os soños e o poder das pequenas accións heroicas da vida cotiá.

YVGOSLAVIA + DEATH WHISTLE – Sábado ás 21:00 h na Sala Kominsky – Desde 11,00 €
Yvgoslavia é un enigmático dúo de corte minimalista e protoindustrial. Nos últimos anos conseguiron chamar a atención de críticos e fans con dous fantásticos traballos e actuacións en vivo como o Festival Ombra en 2023. Usando caixas de ritmos, sintetizadores, baixo e guitarra, crean un aura fría e efémera. Por outra banda, Víctor García é un deseñador sonoro e explorador audiovisual cuxos pasos foron mutando ao longo dos anos ata cristalizar no seu proxecto máis persoal con Death Whistle. A súa carreira compositiva centrouse na última década na composición de bandas sonoras, tanto para videoxogos como para celebrados traballos fílmicos como Decorado ou Sangre de Unicornio.
GIRANDO POR SALAS: EL NIDO – Domingo ás 18:30 h na Sala Rebullón – Desde 10,00 €
As cancións deste grupo parten dos sons e ritmos da música tradicional de Castela e León, como procura de orientación e identidade nun presente cada vez máis acelerado e convulso. Os seus temas soan a praza de aldea e pandeireta, desde un punto de vista plenamente contemporáneo. Nesta xira presentan o seu segundo traballo, La Constancia.
