CAMELIAS MASCOTAS

The Wild Cinema abre a convocatoria para participar na súa sexta edición

The Wild Cinema abre o período de inscrición de filmes de temática medioambiental ata o 24 de xuño. A mostra celebrarase do 30 de agosto ao 1 de setembro, dentro do festival The Wild Fest, nunha gran pantalla no Parque Forestal de San Miguel de Oia.

The Wild Cinema | P. Cermeño

Baixo a sombra das árbores, cos pés na herba e os ollos ben abertos reúnense desde hai seis anos ducias de persoas no Parque Forestal de San Miguel de Oia para desfrutar de The Wild Cinema, un festival de cinema medioambiental único que reúne longas e curtas de todo o mundo.

The Wild Cinema xa abriu o período de inscrición de filmes que optarán a ser proxectados os días 30, 31 de agosto e 1 de setembro nunha gran pantalla instalada no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Os organizadores procuran curtametraxes e longametraxes de calquera parte do mundo de temática natureza, fauna, activismo ecolóxico, deportes de aventura ou montaña. A inscrición pode realizarse ata o 24 de xuño por algunha das dúas vías habilitadas: un formulario propio na web do certame e a plataforma Festhome.

As cintas poden ir destinadas tanto a público infantil como adultos e admítense tanto pezas documentais como de ficción. Por segundo ano, os filmes seleccionados optarán a tres premios que serán decididos por un xurado: Gran Premio The Wild Cinema, á mellor longametraxe; Gran Premio The Wild Cinema, á mellor curtametraxe e Premio Esperanza, ao mellor filme medioambiental. As bases completas de participación están xa dispoñibles na web de The Wild Fest.

REVISTA NOVEMBRO

The Wild Cinema

O certame cinematográfico, que naceu en 2019 no seo do festival multidisciplinar vigués The Wild Fest, e o único festival de temática medioambiental en Galicia. Este ano continúa crecendo, repetindo fórmulas gañadoras como o bloque destinado á mocidade e a combinación de pezas de diferentes temáticas e técnicas, propiciando o deleite, a sorpresa, a adrenalina e a concienciación do público.

Na pasada edición, os asistentes puideron ver pezas como a rusa Haulout, nominada ao Oscar na categoría de curta documental; a francesa L’ Effort des Hommes e a estadounidense Squid Fleet, ambas proxectadas na pasada edición do Festival de Cannes; ou a británica Wild Summon, unha alegoría da vida dos salmóns que vén de recibir dous premios no Festival Internacional de Cortometraxes de Clermont-Ferrand.