Teatro Gorrilla lanza unha campaña de crowdfunding para celebrar un festival en setembro
Teatro Gorrilla, a compañía viguesa de artes escénicas, quere celebrar festival de artes performativas na rúa, máis ambicioso, para máis público e con mellores condicións para as artistas. Para iso, reclaman a colaboración da cidadanía a través dunha campaña de micromecenado.
Máis grande, máis ambicioso, para máis xente e mellor pagado. Iso é o que buscan desde Teatro Gorrilla para organizar o seu festival de artes performativas de setembro en Bouzas. Para conseguilo, habilitaron esta semana unha campaña de micromecenado na plataforma Verkami para alcanzar os 3250 euros que, consideran, precisan para alcanzar estes niveis de calidade. As aportacións económicas van desde os 3 ata os 300 euros.
Os obxectivos que cita a organización do festival son dar espazo a propostas independentes e autoxestionadas, xerar máis opcións culturais e de ocio en Vigo, expandir o proxecto do Teatro Gorrilla a outros públicos e barrios e ofrecer mellores condicións laborais a artistas locais e mostrar o seu traballo. Consideran que “en Vigo fan falla iniciativas como estas e poder disfrutar dun festival de artes escénicas, unha alternativa cultural distinta ao ocio tradicional”.
As recompensas, unha práctica habitual neste tipo de campañas, van desde deseños impresos exclusivos de comics do Teatro Gorrilla en formato postal e póster e outros tipos de merchandising ata acceso a formacións e actuacións dentro do propio festival. Este evento ten previsto celebrarse do 26 ao 28 de setembro de 2024 no barrio de Bouzas.
A que van destinar os cartos?
Dentro da páxina de Verkami tamén explican a que van destinar os amentados 3250 euros, en caso de conseguilos:
- Cachés: 1200 €
- Obradoiros: 400 €
- Produción: 1000 € (aluguer do equipo, seguro, cátering, equipo técnico…)
- Custos de transportes e aloxamentos: 200 €
- Custos das recompensas: 200 €
- % Verkami: 250 €
Que é Teatro Gorrilla?
Teatro Gorrilla é unha iniciativa de artistas galegas para dar visibilidade ás artes performativas en rúas e espazos non convencionais en Vigo. Desde 2019, teñen transformado bares en teatros alternativos con entrada inversa, garantindo a accesibilidade para todo o mundo.
A misión é clara: sacar a danza, o teatro e a performance dos teatros e achegalos á cidadanía de manera accesible e innovadora. A súa actividade no barrio de Churruca os últimos cinco anos ten sido un éxito, consolidándose como unha plataforma para artistas emerxentes e establecidas.
Equipa:
Sergio Llauger: Actor e creador escénico, fundador do Teatro Gorrilla, encargado de programación e producción.
Laura Merchán: Artista visual, performer e DJ; encargada da imaxe do Teatro Gorrilla.
Eva Comesaña: Bailarina, creadora, pedagoga, xestora cultural e DJ; encargada de comunicación no Teatro Gorrilla.
Cristina Cameselle: Directora artística do festival Por danza, Vigo.
Geni Iglesias: Actriz, xestora cultural e terapeuta, fundadora do festival En Pé de pedra.