VIALIA
bannerPicnicSesions

‘Somos xente de paz’ por Pedro Feijoo

Unha etiqueta da que máis botamos man á hora de referirnos a Vigo é a de cidade olívica. Aínda que se trata dunha marca que todos empregamos algunha vez, saberiamos explicar con seguridade de onde vén ese singular adxectivo e, sobre todo, cando empezamos a usala? Moitos dirán que o de olívicos nos vén da oliveira que temos chantada no Paseo de Afonso XII, tan importante para a cidade que mesmo aparece representada no escudo. Pero o certo é que a cousa non é exactamente así…

En realidade, a árbore do Paseo foi plantada en 1859, en conmemoración do 50º aniversario da Reconquista, mentres que a oliveira xa levaba aparecendo no escudo da cidade desde o ano 1813. Con anterioridade, as armas da vila nada máis eran un castelo en forma de torre, e unha cuncha de vieira, indicativa de que Vigo dependía da mitra compostelá. Ora coa vieira arriba, ora con ela abaixo, en todo o tempo anterior a 1813 o único cambio no escudo é o breve lapso en que a cuncha é substituída por unha coroa, correspondente á época en que a vila estivo baixo a xurisdición real. Como dicimos, todo isto cambiará a partir de 1813.

REVISTA ABRIL

A comezos dese mesmo ano –apenas uns meses despois de que a Constitución de Cádiz derogase os réximes de señorío–, don Cristóbal María Falcón, daquela alcalde da cidade, eleva ao congreso a petición dun cambio no escudo: solicita que «en lugar de la concha con que de algún modo se miran eclipsadas sus Armas por ser signo de vasallage o reconocimiento servil, la sustituia un magnífico olivo». Tal graza foi respondida o 19 febreiro, e en xuño dese mesmo ano foi oficialmente aprobada. Así foi como a oliveira pasou oficialmente a formar parte do noso escudo.

Pero por que precisamente esa árbore? En realidade, polo que a oliveira ten de símbolo universal. Tal como naquel momento sinalou o deputado pola provincia de Tui, don Agustín Rodríguez Baamonde, a oliveira tiña unha importante carga icónica, xa que o seu ramo era o símbolo da paz por excelencia e, por ende, un dos máis axeitados para acompañar os novos tempos que o país quería vivir logo da aprobación da Pepa. De maneira que esa, e non outra, é a razón de que acabásemos converténdonos en olívicos: porque, aínda que sexa certo que no seu lugar podiamos ter escollido algún outro elemento representativo da cidade, quen sabe, unha xouba, Vlado Gudelj, ou talvez unha dinosebe. Se no noso escudo aparece unha oliveira é porque aquí somos, ante todo, xente de paz.

Por Pedro Feijoo
Escritor

[Este artigo está publicado na revista A Movida de novembro de 2018 . Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]