REVISTA FEBREIRO

O festival Sinsal regresa en xullo con cartel sorpresa

O festival Sinsal, cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca no arquipélago de San Simón, celebrarase os días 25, 26 e 27 de xullo no arquipélago redondelán.

Fotos: Pablo Vázquez

Poucas semanas despois de ser recoñecido como un dos mellores festivais de música de Galicia, o Sinsal anuncia as súas datas de celebración. Será os días  25, 26 e 27 de xullo na illa de San Simón (Redondela). Como novidade, ao coindir a xornada festiva do 25 en venres, este ano a actividade estenderase ao longo de todo o día, no lugar de ser unicamente en horario de tarde.

Sinsal é unha iniciativa cultural que naceu para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén abre o espazo para acoller a numerosas para creadoras e creadores do ámbito internacional. En cada edición, é habitual poder coñecer propostas de estilos moi diversos e de formacións de diferentes países de Europa, África Asia ou América.

A súa programación musical acompáñase, ademais, de actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia, a memoria e o patrimonio cultural e natural de San Simón, como os roteiros Descubre San Simón, Illario Pantasma e Andaina con Amarturmar. Tamén se desenvolven propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, como a activación da nova liña #SinsalSenRastro, a iniciativa para transformar o modelo de xestión de residuos.

O Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea vén de sinalar no seu informe ‘Lo mejor de la cultura 2024’ ao Festival Sinsal como a proposta musical máis destacada do país por terceiro ano consecutivo, ademais de manter -tamén desde 2022- o posto como segunda iniciativa cultural mellor valorada polos profesionais do sector en Galicia. No mesmo estudo, sitúase no sexto posto na clasificación das iniciativas culturais mellor valoradas polo seu compromiso social e desenvolvemento sostible.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.