SÉS e Biznaga únense ao cartel de The Wild Fest
A galega SÉS e os madrileños Biznaga únense ao cartel do The Wild Fest que xa contaba coa presenza de Ángel Stanich. O festival celebra a súa quinta edición no Parque Forestal de San Miguel de Oia os días 23, 24 e 25 de xuño. As entradas están á venda na web thewildfest.com a prezo reducido ata o 31 de marzo.
Sés e Biznaga completan o cartel de sábado do The Wild Fest, onde tamén estará Ángel Stanich. Estas non serán as únicas sesións musicais do festival que tamén contará con sesión vermú, a final do concurso Salvaxesons e actuacións para público familiar.
Ademais de música, o entorno natural privilexiado no que se celebra o festival con merendeiro, bosque autóctono e miradoiros á ría e as Illas Cíes propicia a realización de actividades de desfrute da natureza. Este ano tamén haberá Orientaventura, actividade de orientación por equipos que cada ano enche as súas prazas; e celebrarase a primeira edición dun Canicross, carreira na que os participantes van acompañados do seu can.
As entradas están á venda na web thewildfest.com a prezo reducido ata o 31 de marzo. Só será de pago o sábado 24, xornada na que se celebrarán os concertos de SÉS, Ángel Stanich e Biznaga, entre outros. A entrada do venres e domingo é de balde. O certame ofrece a posibilidade de pernoctar nun camping acondicionado para a ocasión no que tamén hai cabida para furgonetas e autocaravanas.
SÉS, tradición combativa
A cantautora SÉS é a aposta galega para a quinta edición do The Wild Fest. Coñecida polo seu arrasador talante sobre os escenarios e a forza da súas letras. Sés mestura música tradicional con blues, rock & roll e canción de autor e os seus concertos están marcados pola súa personalidade carismática, honesta e combativa. No seu último disco Diante un eco, lanzado o pasado novembro, SÉS volve aos seus incios da súa carreira, pero desde a madurez e experiencia de quen ten oito discos publicados e quince anos de carreira musical.
Biznaga, tralla con mensaxe
Biznaga é unha das bandas máis eloxiadas do novo punk español. O grupo de malagueños afincados en Madrid fai temas de pop contundente e punk renovado que falan de temas actuais como a xentrificación, a vixilancia tecnolóxica ou a precariedade cun son moi guitarreiro. Co seu último disco, Bremen no existe, xiraron tanto por España como por Latinoamérica e Europa.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024