Sanxenxo: un mar calmo e namoradeiro

Praia de Areas | Turismo de Sanxenxo

Saír da rutina e facer algo especial pode resultar máis fácil do que moitas veces imaxinamos. Co gallo do San Valentín, propoñemos unha escapada a un lugar a tiro dunha pedra: Sanxenxo. O xeito máis práctico para este destino desde Vigo é facelo en coche; pero tamén se facer ben a gusto en autobús desde Pontevedra, collendo a liña que vai da capital da provincia ata O Grove, facendo paradas noutros lugares tan interesantes como a singular parroquia de Combarro ou a praia de Raxó, no concello de Poio, e chegar ata a praia da Lanzada, que vencella O Grove e Sanxenxo.

Paga a pena percorrer costa galega en temporada baixa, para evitar a enchente estival de turistas. Se nos presta camiñar, e se a meteoroloxía o permite, hai unha senda costeira que se pode percorrer desde a praia de Sanxenxo ata Punta Faxilda, un pequeno cabo desde o que se transmite a sensación de poder tocar as Illas Cíes estirando unha man, á vista dun marabilloso solpor.

Nuns escasos 15 minutos de coche, chegaremos a Combarro, unha poboación mariñeira famosa por abranguer unha arquitectura chea de cruceiros e hórreos a pé de mar. Despois de camiñar pola parte vella e facer a foto de rigor desde a praia da Rualeira, recomendamos subir ata o miradoiro do Loureiro para aproveitar as últimas raiolas cunhas vistas da ría francamente espectaculares.

Outra escapada a un cuarto de hora é a que podemos facer ata a illa do Grove atravesando a praia da Lanzada, unha longuísima lingua de area que une a illa coa terra e que conta cunha capeliña con moito encanto no extremo sur. Despois achegarémonos á parroquia de San Vicente para coller a senda costeira coñecida como Pedras Negras, unha pasarela de madeira a carón de praias, piñeirais e rochas redondeadas. Esta zona, ademais, conta conta con varias opcións para desfrutar da música en directo.

Augusta Eco Wellness Resort

Unha opción moi acaida para abordar esta escapada romántica é aloxarnos nun hotel con spa coma este, que destaca por ofrecer unha experiencia holística en que o benestar dos inquilinos é o auténtico punto central. Corpo, mente e alma reciben agarimos entre piscinas de hidroterapia, masaxes enerxéticas ou a degustación das especialidades culinarias dos dous restaurantes que comprende o resort.

REVISTA VERAN

Polo Día dos Namorados ofrécese unha experiencia titulada «Be my Valentine», que inclúe un dormitorio dobre con decoración de benvida e acceso ao spa. Durante as fins de semana da candeloria hai música en directo no restaurante Potus, onde ademais se poden catar pratos de cociña tradicional e moderna, elaborada con produto de proximidade, algúns deles cultivados da propia horta que hai no recinto. Na cociña prepáranse diversas opcións de comida saudable, así como unha oferta de pratos vexetarianos, veganos e sen glute. A cativada ten un espazo de seu con Kid’s Club, un programa de actividades infantís que funciona durante todo o día, de xeito que eles se divirten mentres os maiores se relaxan.