CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Revenidas presenta a súa edición “en conserva” con catro concertos do país

O festival vilaxoanés celebrarase os próximos 10, 11, 12 e 13 de setembro nun formato reducido que combinará catro concertos de pago con actividades de balde vencelladas ao territorio e á cultura popular da zona. Os artistas serán Sés, Zeltia Irevire, Ortiga e Dakidarría.

CAMELIAS NADAL
Sés durante un concerto no 2018 | P. Vázquez

O “Revenidas en conserva”, o formato especial do festival vilaxoanés para esta edición, anuncia os seus primeiros nomes. O cartel dos concertos de pago estará formado pola incombustible Sés e o folk e blues/rock de Zeltia Irevire o venres 11, que darán paso á cumbia adictiva de Ortiga e ás letras comprometidas de Dakidarría en acústico o sábado 12. O Revenidas, deste xeito, conserva a súa esencia -sempre poñendo o foco nos artistas do país– para celebrar un evento reducido, adaptado a 500 asistentes, tomando as medidas de seguridade necesarias e a prol dunha #culturasegura.

A modo de agradecemento ás persoas que non fixeron a devolución das entradas deste ano e quixeron conservala para 2021, poderán facerse coa súa entrada para estes concertos de pago do “Revenidas en conserva” a través dunha prevenda con desconto que comezou este xoves 20 e estará activa ata o próximo martes 25 ás 12h00. A partir dese momento, todo o público xeral poderá adquirir tamén as súas entradas na páxina web do festival. O prezo será de 15€ o bono e de 10€ a entrada diaria, sen contar cos gastos de xestión.

O obxectivo desta edición reducida é ter este ano un punto de encontro co seu público no próximo mes de setembro. A programación complementarase con diversos concertos e actividades de balde, relacionadas co territorio e coa cultura mariñeira da zona. Tamén terán oco nesta pequena edición do festival os seus habituais showcookings, roteiros e circo completando a súa programación.