VIALIA
bannerPicnicSesions

Todos os concertos deste verán en Castrelos

Xa coñecemos aos 12 artistas que se subirán este verán ao escenario máis importante da cidade: Lauryn Hill, Leiva, Tom Jones, Fangoria, Rick Astley, Coral Casablanca, Roger Hodgson, Thirty Seconds to Mars, Vetusta Morla, Xoel López, Furious Monkey House e David Bisbal. Unha proposta variada coa que se pretende satisfacer á maior parte da cidadanía.

Este xoves o alcalde deu a coñecer as últimas confirmacións para Castrelos deste Vigo en Festas 2019. En concreto, sumáronse ao cartel o coruñés Xoel López, a novísima banda pontevedresa Furious Monkey House e o clásico concerto estival da Coral Casablanca no auditorio. Tamén confirmou que as entradas sairán á venda para a semana que vén, aínda por confirmar o día exacto e o procedemento a seguir.

Comezando por orde cronolóxica, será a rapeira norteamericana Lauryn Hill a encargada de abrir o programa de Vigo en Festas o día 17 de xullo. A ex membro de The Fugees volve aos escenarios tras un tempo apartada dos focos, aproveitando o 20 aniversario do seu disco estrela The Miseducation of Lauryn Hill. Será a súa primeira vez en Galicia, ademais do seu único concerto propio en toda España.

Dous días despois chegará Leiva, un dos artistas nacionais con máis sona, que vén de sacar o seu último disco Nuclear fai tres meses. Tras vender milleiros de entradas alá por onde vai, volve a Vigo varios anos despois,onde presentará as súas novas cancións e repasará a súa extensa colección de hits, tanto con Pereza como en solitario. O seu promete ser un dos concertos máis multitudinarios do verán.

A semana do 22 de xullo contará nada máis e nada menos que con tres concertos. O primeiro será Tom Jones o martes 23, no que o Tigre de Gales demostrará por que é unha das voces máis importantes da música anglosaxona tras case seis décadas de carreira. Ao día seguinte será o dúo Fangoria, formado por Alaska e Nacho Canut, o encargado de facer bailar ao público local con himnos do electro pop como A quién le importa ou Ni tú ni nadie. Para rematar a semana, o venres 26 subirá ao escenario o británico Rick Astley, que está a vivir unha segunda xuventude despois do seu éxito nos anos oitenta con Never gonna give you up. Poderá convencer ao público vigués de que non se trata doutro one hit wonder?

A Coral Casablanca encherá de fermosas armonías vocais o auditorio o sábado 27, na que xa é unha cita recurrente verán tras verán. A semana seguinte comezará coa actuación de Roger Hodgson, o luns 29. O que fora líder de Supertramp volve a Vigo poucos anos despois para repasar tanto a súa carreira en solitario como os temas máis famosos da banda británica. Outro dos grandes nomes que visitará Castrelos será o músico e actor Jared Leto coa súa banda Thirty Seconds to Mars, que actuarán o xoves 1 de agosto na que será a súa primeira visita a Galicia.

Tres serán os concertos que poderemos ver o venres 2 nunha especie de mini festival da promotora Esmerarte. Comezando pola banda pontevedresa Furious Monkey House, formada por cinco rapaces e rapazas moi novas, acompañadas por un estraño mono furioso. Tras eles, volve a Vigo nove meses despois Xoel López, unha das referencias na música de autor en castelán. O galego xa leva 8 discos ás costas, cinco deles baixo o nome de Deluxe e tres en solitario, sendo o último Sueños y Pan, do 2017. Por último, un dos concertos estrela deste ano será o de Vetusta Morla. A banda madrileña non visitaba estes lares desde o 2014, tempo que lles valeu para afianzarse como unha das bandas máis importantes do país.

REVISTA ABRIL

O sábado 3 de agosto sería a quenda do carismático violinista Ara Malikian, mais unha inoportuna lesión de ombreiro fíxolle cancelar a maior parte dos concertos que tiña programados este verán, entre eles o de Castrelos. Para rematar, teremos o concerto de David Bisbal o xoves 8 de agosto, onde o ex triunfito franquicia volve a Vigo cun show máis maduro pero igualmente divertido, onde non faltarán as cancións que lle lanzaron á fama na pasada década.

Resumindo:

17 xullo Lauryn Hill
19 xullo Leiva
23 xullo Tom Jones
24 xullo Fangoria
26 xullo Rick Astley
27 xullo Coral Casablanca
29 xullo Roger Hodgson
1 agosto Thirty Seconds to Mars
2 agosto Vetusta Morla + Xoel López + Furious Monkey House
8 agosto David Bisbal

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos

(GMT+01:00) Parque Castrelos