REVISTA NOVEMBRO

Restaurante Casa Acuña, do mar ao prato

Quen lle ía dicir a Jesús cando puxo o seu apelido a aquela casa de comidas na Illa de Ons, en 1945, que case oito décadas despois sería un dos puntos gastronómicos de referencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas?

Durante moitos anos, a persoa que converteu en deliciosos pratos o que el recollía nas redes foi a súa dona, Rosa. Hoxe a patroa dos fogóns é a filla de ambos: Palmira Acuña. O polbo ao estilo Ons —cunha caldeirada con patacas regada con aceite, allo, cebola e pemento— é, sen dúbida, o reclamo principal. Alén de tan célebre manxar, as opcións para comer coma na casa son variadas e sempre de calidade. E aínda que na illa non haxa vides… tamén están asegurados os mellores viños.

Casa Acuña dispón de dous comedores con capacidade para 200 persoas, polo que tamén se presta para organizar un evento que, por gastronomía, atención e localización, quedará gravado na memoria dos asistentes. Para completar a experiencia, ofrecen a posibilidade de aloxarnos na pensión que eles mesmos rexentan. A estancia inclúe habitación con baño privado e almorzo. E tras tantos anos facendo vida en Ons, o persoal desta gran familia pode asesorarnos sobre as mellores opcións de aloxamento e de transporte marítimo desde e cara á illa.

Lugar:  Curro, 11-12, Illa de Ons (Bueu)

Como chegar: En barco. Aínda que en temporada alta hai saídas desde Vigo, o habitual é saír desde Bueu ou Portonovo. A partir da Semana Santa as saídas son habituais ata o mes de outubro.

Prezo: Variable. Hai carta de produtos frescos, menús especiais, tapas…

Arredores a visitar: Ons conta con diferentes areais e sendeiros para perderse, pero un dos tesouros da illa é ter a sorte de falar coa veciñanza que aínda habita este paraíso.

Información e reservas:  986 43 35 30 | isladeons.net | @casaacunarestauranteypension

Noelia Álvarez
Redactora