Recta final para a volta de Desafío Boot Camp a Samil
O domingo 3 de outubro terá lugar en Samil a sétima edición de Desafío Boot Camp. Unha proba de obstáculos dirixida a todos os públicos que pola situación sanitaria o ano pasado non se puido celebrar e que este ano volve ao formato presencial respectando todas as medidas sanitarias pertinente e con ganas de encher o areal vigués de diversión.
Despois dun ano relegada ao ámbito virtual, o próximo 3 de outubro a proba de obstáculos Desafío Boot Camp volve á praia de Samil. Os participantes terán que cubrir unha distancia de 7 quilómetros e pasar 30 obstáculos, pero a organización sinala que o máis importante é pasalo ben facendo deporte. Ao ser unha proba que se pode realizar en equipos, o compañeirismo foi sempre protagonista nas seis edicións anteriores e é un dos valores que defende a proba.
Os interesados en participar, deben escoller a categoría na que inscribirse (popular, élite ou kids) na web de Champion Chip Norte. A menos dun mes para a súa celebración, as prazas están case esgotadas e o vindeiro domingo, 12 de setembro, subirá o prezo de inscrición. Outro dos obxectivos da proba é poñer en valor as Rías Baixas. En Desafío Boot Camp participan corredores de toda a Península Ibérica e é un evento que pode axudar a desestacionalizar o turismo. Ademais, co seu percorrido preténdese poñer en valor o Camiño Portugués pola Costa que pasar polo litoral vigués.