En novembro de 2024 abríu as súas portas Galerías Fetén na céntrica rúa de Elduayen. Nesta tenda, rexentada por Águeda González e Xacobo Cacharrón, atoparemos roupa, complementos, calzado e decoración para o fogar de marcas singulares escollidas con agarimo e bo gusto.
Este local, ideado pola viguesa Águeda González e o coruñés Xacobo Cacharrón logo dunha etapa en Madrid, abriu as súas portas en novembro do pasado ano nun fermoso edificio de pedra con vistas á ría. O obxectivo principal da parella era ofrecer algo distinto, que non houbese nada igual na cidade, e tras cinco meses abertos están a percibir esa resposta na clientela.
No interior da tenda, recollido e moi luminoso, atopamos roupa, complementos, calzado e decoración para o fogar. Nótase que todo está escollido e colocado con agarimo e, máis alá da súa evidente compoñente estética, cada obxecto agocha unha historia detrás. Os valores éticos, a produción responsable, o traballo manual, a singularidade ou o talento autóctono son algúns dos factores que inflúen á hora de seleccionar os produtos, que van rotando cada certo tempo. Ademais, moitos deles son practicamente exclusivos a nivel galego, polo que aspiran a converterse nunha parada obrigada para os amantes da moda e da artesanía que veñan a Vigo doutras partes do territorio.
Algunhas destas marcas exclusivas son a xaponesa Moonstar e a madrileña Augusta, ambas de calzado. Por suposto, tamén atopamos firmas galegas nos andeis: Lalura, Latonta, Montse Betanzos, NWHR, Pazo Gil Casares ou Alfarería Lista. Outras marcas dispoñibles son Abstract, BySamo, Carmen Says, Eleven People, Mantas Ezcaray, Studio Arde, The Code, Unfeigned Gear, Water & Wines e Wouf. Águeda e Xacobo forman un tándem do máis propicio: ela, con ampla experiencia no mundo da moda; el, con dilatada bagaxe na atención ao público. A amabilidade de ambos, sempre cun sorriso na cara, fai que a visita ao establecemento, aínda que só sexa para botar unha ollada, xa pague a pena. Neste aspecto queren ser «unha tenda das de antes», antiguos pero modernos.