Esta recente iniciativa impulsada polo historiador da arte Jorge Sánchez e a graduada en Belas Artes Sabel Sabín é o lugar axeitado para organizar unha festa cun ton artístico. Aínda que a súa ocupación principal é a impartición de cursos e obradoiros sobre pintura e historia da arte, ArteSá abre as súas portas á organización de eventos privados e ofrece a posibilidade de integrar actividades creativas na experiencia.
A súa proposta baséase na oferta de talleres artísticos para encontros de ata 25 persoas, incluídas festas infantís. Para as celebracións dirixidas aos máis pequenos, ofrecen contacontos e creación de murais e colaxes colaborativos. Estas actividades compleméntanse con música e xogos de mesa co obxectivo de asegurar un ambiente dinámico e entretido para a caticada.
En canto aos eventos para persoas adultas, algunhas das propostas son o taller de retrato ou o de dripping, no que os participantes crean cadros abstractos a través do goteo de pintura. Tamén propoñen as xornadas Vino Pinto, é dicir, beber viño e pintar ao mesmo tempo. Todas elas inclúen momentos para socializar e comer algo despois da actividade, así como unha pequena parte teórica, na que introducen a historia e as bases da técnica que se vai utilizar e amosan exemplos nos que inspirarse. Sabel e Jorge teñen un lema: «Cultura e diversión, boa combinación!».
Rúa de Pi i Margall, 49 | @centroartesa
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Galerías Fetén, moda singular no corazón da cidade - 9 Abril, 2025
- Veciñanzas: As Travesas - 25 Marzo, 2025
- Non é cidade para bibliotecas - 25 Marzo, 2025
- Sacar a lingua de viaxe - 24 Marzo, 2025
- Que queres que se faga no Teatro Cine Fraga? Estas son as peticións máis repetidas - 19 Marzo, 2025