REVISTA ABRIL

Que furafollas!

Don Paco, o noso protagonista. Paquiño. Así se refire Blanca-Ana Roig Rechou ao homenaxeado o 17 de maio deste 2023. Falamos dun vigués de adopción accidental, xa que aquí rematou na época da ditadura franquista para pasar máis desapercibido que en Santiago de Compostela, onde lle foran retiradas anteriormente as credenciais de docencia. A proposta que traemos este mes de maio é Paco del Riego. Un home irrepetible (Hércules Ediciones), unha unidade didáctica que interpela aos máis novos. Un manual dividido en cinco partes principais que achega as etapas da vida de Francisco Fernández del Riego en contexto coa historia de case todo o século XX e a primeira década do XXI.

Este exemplar lembra tamén como Fernández del Riego rematou na cidade da oliva tras alistarse durante a Guerra Civil para salvar a súa vida. Na súa traxectoria vital, implicouse a prol do recoñecemento de Galicia, non só no eido cultural, senón tamén no terreo político, para volver centrarse no eido cultural na última etapa. Trátase dun manual que ofrece unha lectura amena, con fotografías persoais e unha linguaxe accesible na que a xente nova pode coñecer a persoa que promoveu o Día das Letras Galegas, que este ano protagoniza. Un home que contribuíu a democratizar a Real Academia Galega (RAG) sen desatender o Celtiña nin deixar de gozar de cando en vez de ricos xantares —sen cebola— e festas.

Xa que logo, supón un xeito de asomarse de forma directa aos acontecementos históricos das máis de nove décadas polas que decorreu a traxectoria de don Paco, que espertou o gusto pola literatura desde moi novo, e chegou a practicalo na clandestinidade para poder acceder á cultura. O libro establece un diálogo que poderíamos definir como «de ti a ti», no que mesmo chega a interpelar a quen le as liñas para lembrar fitos pasados da obra, na que se recollen os seudónimos que que empregou o noso protagonista para esquivar a censura (e non por ego, como aclara a autora); nomes como Adrián Solovio ou Cosme Barreiros. Del Riego foi amigo de Álvaro Cunqueiro na infancia. Foi un lector ávido e fundador de Galaxia, pero tamén foi alguén que se namorou ou que se atreveu a organizar un festexo polo 25 de xullo na súa vila natal, Vilanova de Lourenzá, ao regreso do primeiro ano de estudos que cursou en Madrid.

REVISTA ABRIL

A xuventude pode corroborar o termo co que el mesmo definiu á autora desta obra: furafollas —«persoa inquieta e esperta», segundo o Dicionario da RAG—, e acceder ao retrato de alguén que se empeñou en que o galego fose tamén unha lingua universitaria. E reverter «unha realidade que non podemos aceptar», definida así por Víctor Freixanes, actual presidente da RAG; unha realidade na que un de cada tres estudantes galegos remata a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) sen un dominio mínimo esixible de lingua galega.

Bea Vila

Redactora