UVIGO
FILLOAS

Propostas para toda a familia polas Letras Galegas

O mes de maio, co gallo do Día das Letras Galegas, é un tempo ideal para realizar actividades de ocio en galego cos máis pequenos e pequenas. Museos, auditorios e bibliotecas acollen numerosos eventos, tales como contacontos ou obradoiros, perfectos para toda a familia. Consulta nos eventos se é preciso facer reserva previa e a capacidade máxima de cada actividade.

Debuxo de Xela Arias | P. Vázquez

Sábado 15 ás 12:00. XELA ARIAS: OITO PASOS… OITO VERSOS (Biblioteca Juan Compañel)

Xela non só foi unha grande poeta, tamén foi editora e unha das primeiras tradutoras profesionais. Seu traballo achegou a nenos e nenas e tamén aos maiores, grandes autores da literatura universal. Oito pasos…oito versos é un espectáculo de narración oral, con relatos e versos de Xela Arias. Contacontos con Soledad Felloza.

Domingo16 ás 11:15. XOGO DAS LETRAS (Auditorio Municipal)

A actividade consiste nun xogo de probas e preguntas por equipos, co Día das Letras Galegas e Xela Arias como temática principal. Cada equipo irá tirando por quendas un dado de grandes dimensións no que figuran varias accións diferentes: demostra o que sabes, proba, pictionari, sorpresa, a crear. Por cada proba superada ou pregunta respondida correctamente, o equipo recibirá unha puntuación determinada que irán acumulando. Cada equipo recibirá ao final do xogo un PREMIO de acordo coa puntuación total acadada. Dirixido a familias con nenos e nenas entre os 6 e os 10 anos

Luns 17 ás 12:00 e 17:30. EXTRA! (Museo do Mar)

Melodías e ritmos modernos, pegadizos e bailables protagonizan este orixinal espectáculo baseado no libro-cd Extra!, de Paco Nogueiras e editado por Kalandraka Editora, na que se combinan cancións e interpretacións cos rexistros máis divertidos. Convida a conectar co mundo e transformar a realidade en canción. Quen dixo que non se poden cantar as noticias? E bailalas? En Extra! pódese.

Luns 17 ás 18:00. PETER PUNK E BRAIS DAS HORTAS (Parque e Joaquín García Picher)

As da Industria van celebrar o Día das Letras galegas, no parque de Joaquín García Picher, cunha exposición sobre a obra de Xela Arias e actuación de Peter Punk e Brais das Hortas co “Concerto de Punk Infantil”. Debido á Pandemia e á normativa COVID aplicable ós  espectáculos públicos, vense na obriga de limitar o aforo, polo que se vai respectar o estricto orde de chegada para poder acceder ó espazo delimitado para a celebración.

Mércores 19 ás 18:00. ARREDOR DE XELA CON RAQUEL QUEIZÁS (Biblioteca Xosé Neira Vilas)

Nos anos 80 do século pasado, unha moza, ademais de escuitar rock, abría novos camiños, a través da súa poesía, na nosa literatura. Xela Arias foi unha muller valente, feminista, activista e comprometida co galego dende a súa nenez. De cativa falaba galego e quería aprender máis linguas. A súa paixón pola escrita e a lectura agromou nela dende moi pequena. Gañou con once anos un premio literario. Foi poeta, editora, traductora e mestra. Contacontos para crianzas a partir de 5 anos. O domingo 23 tamén estará ás 12:30 no Verbum.

Sábado 22 ás 12:00. VERBAS NO BOSQUE DAS LETRAS GALEGAS (Biblioteca Juan Compañel)

O bosque garda verbas, teixo, freixo, fento, xesta, loureiro…, con elas as nosas escritoras e escritores, dende Rosalía a Celso Emilio, de Cunqueiro a Xela Arias, levan tecido historias e poemas. As nenas e nenos da biblioteca Nodal de Vigo tentarán axudar a plantar e regar estas verbas para que sigan tecendo poemas e historias das letras galegas. Contacontos infantil con Anxo Moure para nenos e nenas a partir de 4 anos.

Sábado 22 ás 12:30. UN CEO DE PALABRAS (Museo Verbum)

“Máis arriba das palabras, hai un ceo de palabras e as palabras non existen”. Xela Arias regalounos un cento de versos e poemas, pero primeiro foron os contos que empezou a escribir dende moi pequena e as historias do avó Manuel, alá na aldea; uns contos, coma estes, cos que hoxe queremos encher un ceo de palabras para ela. Contada para público familiar a partir de 5 anos por Ana Facchini.

Sábado 29 ás 12:30. CONTOS DIVERSOS (Museo Verbum)

Realización dun conta contos no que a través da participación activa das familias nas diferentes historias a través de xestos, movementos e verbalizacións, foméntanse aspectos relacionados cos valores da igualdade, respecto á diferenza e a diversidade. Ademais tamén se traballa vocabulario en lingua galega, os números, as vogais; así como a motricidade e a coordinación. Contada para público familiar recomendada para crianzas de 3 a 9 anos, por Miguel Anxo Diz.

Domingo 30 ás 12:30. XELA ARIAS: LIBERDADE, SOLIDARIEDADE E AMOR POLA LINGUA (Museo Verbum)

Contada máis obradoiro de ilustración para público familiar a partir de 5 anos; por Polo Correo do Vento, cunha
duración aproximada de 60 minutos.

CAMELIAS NADAL