REVISTA MARZO

Programación completa do Entroido vigués

Xa coñecemos toda a programación deste Entroido, que terá lugar do 28 de febreiro ao 5 de marzo. Haberá animación nas rúas, obradoiros infantís, desfile, concurso de disfraces, chocolatada e concertos de artistas locais: Fillas de Cassandra e América de Vigo.

O Concello de Vigo xa fixo pública a programación deste Entroido, que terá lugar do venres 28 ao mércores 5 de marzo. As actividades comezan o venres 28 con animacións de rúa pola tarde e a entronización do Meco. Ás 22:00 h, na Porta do Sol, o dúo local Fillas de Cassandra poñerá música ao inicio do Entroido co seu espectáculo Últimas dionisíacas. O sábado 1 será o popular desfile, que sairá ás 18:00 h de Isaac Peral para rematar en García Barbón e contará con 23 comparsas.

O domingo 2 de marzo, ademais da animación de rúa, que se repetirá o resto de días ata o final das festas, teremos actividades infantís e chocolatada ás 17:00 h na Porta do Sol. En caso de que o tempo non acompañe trasladaranse ao Auditorio Municipal. O luns 3 haberá de novo animación e obradoiros infantís de 17:00 a 20:00 h na céntrica praza, onde as 22:00 actuará unha das orquestras máis destacadas de Galicia: a América de Vigo.

Non pode faltar neste Entroido o concurso de disfraces, tanto para maiores como para pequenos. Terá lugar o martes 4 ás 17:00 na Porta do Sol. Para pechar a festividade, o mércores 5 realizaranse as exequias funerarias e a comitiva fúnebre percorrerá as rúas do centro de Vigo.