Preséntase o concurso ‘Lingua de namorar’ para dinamizar o galego entre a xuventude
O Museo do Mar de Galicia acolleu este venres a presentación da nova edición de Lingua de Namorar, o certame de declaracións de amor na rede que promove cada San Valentín a Xunta de Galicia, como unha iniciativa para dinamizar o uso do galego entre a mocidade nas súas relacións persoais e en internet.
O certame Lingua de Namorar está dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos, que se dividirán en dúas categorías de idade: de 14 a 19 anos e de 20 a 35. As mensaxes presentadas a concurso deberán estar escritas en lingua galega e poderanse redactar en prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.
Para facer chegar as mensaxes, cómpre rexistrarse previamente no web do certame. Todas as mensaxes serán publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título e mais polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as mensaxes de amor é o 9 de marzo. Unha vez rematado este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 10 ao 13 de marzo.
O xurado do concurso reunirase unha vez rematado o prazo de votación e elixirá as declaracións gañadoras de entre as 50 declaracións máis votadas polos usuarios e usuarias en cada unha das categorías de idade. Poderá consultarse na web o nome das persoas gañadoras, a partir do 23 de marzo. No mes de abril terá lugar a entrega de premios do concurso.