CASAACUNHA

O certame Lingua de Namorar incorpora un premio exclusivo de Instagram

O concurso de declaracións de amor en galego na rede no que pode participar a mocidade dos 14 aos 35 anos incorpora unha terceira categoría de premio exclusiva para Instagram a través do hashtag #NamorarEnPandemia. O prazo de participación está aberto ata o vindeiro 12 de marzo.

Xa está aquí o mes de #Namorar e, aínda que o mundo está confinado e vivimos circunstancias excepcionais que nos impiden ou dificultan bicar, abrazar ou aloumiñar como desexariamos, a palabra, a ilusión e a tecnoloxía seguen sendo as nosas grandes aliadas para desconfinar a voz e expresar os sentimentos de #Amor neste tempo de #NamorarEnPandemia.

Banner A Movidiña

Lingua de namorar, o certame de declaracións de amor en galego na rede dirixido á mocidade que a Xunta de Galicia convoca cada febreiro, por medio das consellerías de Cultura, Educación e Universidade e de Política Social, chega á súa décima edición con novidades importantes. Baixo o lema #NamorarEnPandemia, incorpora unha nova categoría de premio exclusiva de Instagram, ampliando así o seu alcance a unha das redes sociais máis empregadas pola xente nova.

A décima edición do certame inclúe tres categorías de participación: de 14 a 19 anos, de 20 a 35 anos e de 14 a 35 anos. No caso das dúas primeiras, mantén o procedemento habitual de participación no web oficial do concurso http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar . Para concorrer á terceira cómpre facelo desde un perfil IG, seguir a @XuventudeGalicia e @LinguaGalega e escribir, na publicación habilitada no primeiro perfil unha mensaxe de amor en galego de ata 200 caracteres desde o pasado venres día 12 de febreiro ata o vindeiro 12 de marzo. Establécese o prazo de votación habitual no caso das dúas primeiras (do 15-23 de marzo) e outro no caso da terceira, ao que concorrerán, de entre todas as que participen, só seis mensaxes finalistas propostas polo xurado (anunciaranse o 31 de marzo e poderanse votar do 1 ao 8 de abril). O 12 de abril farase pública a relación de persoas premiadas.

As bases inclúen como premios das dúas primeiras categorías os seguintes: 1º bicicleta eléctrica BK1000 Youin ebike Amsterdam, 2º tableta ZA4G0023SE Lenovo tablet 10,1” 2/32GB e 3º cámara WILD4 3GO cámara deportiva 4k. No caso da terceira categoría, o premio é único: bicicleta eléctrica BK1000 Youin ebike Amsterdam. A entrega de premios está prevista para abril, sempre que as circunstancias sanitarias o permitan.