‘Poetas como aves felices’ por Román Raña
A nostalxia non resulta válida para describir o pasado cando cae na tentación de enchelo de epitafios. Por iso cando lembro o Vigo dos anos oitenta, o da miña Xeración, ou mesmo o da década anterior, véñenme á mente imaxes tan dispersas como intensas. Unha aproximación á definición desta melancolía sería, para min, como aquelas persoas que, a unha idade incerta, pintan varias veces por ano a superficie dunha casa. Eu debía facer o mesmo: excluír a redundancia dos días, aplacar o sufrimento que emana do pretérito porque, aínda que este estexa cheo de perdas irreparábeis, evocalo supón, no fondo, unha homenaxe apaixonada do que foi, do que se foi, do que se reconstrúe co poder da imaxinación e coa enerxía liberadora da querenza.
Na miña biografía daquelas datas coexisten a descuberta do amor coa descuberta da poesía e, como un pano de fondo ineludíbel, a paixón pola política. Desta última obsérvome a min mesmo por rúas enchidas de borrascas, pensando, como hoxe, que o día de mañá nunca será un museo. Contemplo un día parado. Paseo pola realidade abrazado a unha muller única entre estaleiros e guindastres, cheiro a gasóleo e, de repente, multitudes obreiras que reclaman os seus postos de traballo e non seren despedidos das súas fábricas. Eu súmome a ese tumulto caótico e incendiario. Entón a policía dispérsanos a golpes ben feroces. E nada é abstracto entre a dor e a insensata felicidade da nosa cólera.
E, despois, véxome en varios escenarios da cidade. Lembro a Uxío Novoneyra recitando os seus poemas, de pé, alto como un planeta, cunha voz hipnótica que nos facía estremecer. E, en ocasións distintas, a Cunqueiro e Ferrín lendo os seus versos de beleza infinita, de acedo esplendor, de ira patriótica. As súas palabras colonizaban a nosa alma cun estraño estupor que proxectaba, fóra do tempo, un vivir que, non sendo noso, nos pertencía. Aínda lembro ese fogo tranquilo que inflamaba o noso corazón intensamente.
Algúns anos despois, eu compartía palestra e voz (no García Barbón) con Cáccamo e Baixeras, con Ramiro Fonte e Forcadela, con Xela Arias e Luz Pozo Garza… Cada un de nós propúñase voar coas palabras, poetas como aves felices. Sei que todos eles o conseguiron. Non busco a exaltación nin o consolo, tan só a rememoración deses momentos.
Por Roman Raña
Escritor
[Este artigo está publicado na revista A movida de outubro de 2019 . Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]