Plis Plas, o festival para a cativada
Esta fin de semana os cativos teñen o seu propio festival. A segunda edición do Plis Plas encherá Navia de actividades infantís os vindeiros sábado e domingo. Haberá música, contacontos, xogos, teatro, obradoiros e mercadillo para gozar en familia.
O Festival Plis Plas é un evento creado para os pequenos da casa. Dous días de actividades pensadas para que os nenos o pasen ben e a familia os acompañe. As actuacións musicais son un dos pratos fortes do festival que contará con artistas como Paco Nogueiras ou Brais das Hortas. Paralelamente, haberá contacontos, espazos de xogo e obradoiros pensados para o público infantil de diferentes idades.
Se habilitarán dous escenarios nos que se irán intercalando as actuacións. O encargado de abrir o festival é Magin Blanco co seu espectáculo ‘Illas e Camiños’, co que invitará a caturuxar en familia; vellas melodías actualizadas ao son da percusión, o clarinete e o acordeón son a proposta de Cuarteto Caramuxo que tamén actuará na mañá do sábado. Pola tarde, mimo, marionetas, clown e malabares con Nono. Ás 18:00 horas Servando Barreiro e Anxo Moure presentarán o seu novo libro-CD ‘A música da auga’; e para pechar o día, o show de Asacocirco, que implicará ao publico no seu espectáculo humorístico.
O domingo o polifacético músico Paco Nogueiras fará dobrete. Pola mañá presentará o seu espectáculo ‘Brinca Vai! De aquí e acolá’ e pola tarde con ‘Bule Bule’ o artista convídanos a vivir a radio en directo nun divertidísimo programa cheo de humor, baile e cancións. Completando a programación matinal estará Brais das Hortas co seu espectáculo ‘Zona en Obras’. Tras a actuación de Nogueiras pola tarde, o pallaso Peter Punk fará rir ao público con ‘Peor Imposible. Peter Punk será o encargado, xunto a Brais das Hortas, de pechar o festival cun concerto de Punkinfantil.
Pero ademais, ao longo das dúas xornadas haberá un gran espazo habilitado onde se sucederán unha morea de actividades para facer en familia. Haberá contacontos e obradoiros de manualidades en inglés, clases de iniciación ao skate, aula da natureza, obradoiros musicais, espazo de xogo libre e creativo e moitas outras actividades que se poden consultar na programación.