VIALIA
PLAYDOC

Piratas de Nabia: 25 anos presumindo de Illas

Se a calquera de nós, acérrimos defensores dos atractivos turísticos da nosa terra, nos piden enumerar os máis salientables, é máis que probable que o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas estea nos primeiros postos da lista. Parte da notoriedade deste recurso natural débese, sen dúbida, ás empresas turísticas que apostaron por mostralo ao mundo desde hai anos. Piratas de Nabia é unha delas e acaba de facer un cuarto de século unindo os arquipélagos coa terra firme.

Despois de tantos anos, e conxuntamente coas demais empresas que conforman o Grupo Acuña Ons, preocúpanse non só por levarnos a coñecer as illas máis afamadas (Cíes e Ons), senón que tamén saben darlle valor a outros recunchos igual de interesantes e espectaculares. A illa de San Simón e coa fascinante historia que ten ou a ruta starlight de Sálvora son algunhas das saídas máis salientables que ofrece a navieira.

O que nun inicio naceu como simple transporte de pasaxeiros é, a día de hoxe, unha experiencia na que se poden chegar a combinar gastronomía, espectáculos, celebracións e eventos privados. Ano tras ano, cada vez son máis os centros escolares que escollen unha saída en barco como excursión de fin de curso e abondan as empresas que alugan este servizo para compartir tempo fóra do horario laboral.

Alén da historia e da firme traxectoria no sector, Piratas de Nabia afirma con orgullo que é unha navieira fundada e dirixida por mulleres. Pasando un día nunha das naves da empresa pódense atopar vendedoras de billetes, mecánicas e patroas. Pero sobre todo, destacan a importancia do cadro de persoal, do equipo humano, para que a experiencia de quen escolle esta frota sexa completa. A motivación e o traballo ben feito ten que estar presente en cada elemento que conforma unha saída. Recoñecen que iso resulta bastante sinxelo cando o que se ofrece é gozar de espazos naturais tan especiais como os da nosa contorna.

Durante esta temporada de verán, invítannos a navegar, tamén, a través de Internet polas redes sociais e pola web da empresa, onde se poden atopar diversas actividades tan variadas e interesantes como rutas con degustación de mexillón, saídas para ver os fogos artificiais de Bouzas e Loira (Marín) ou unha fermosa travesía nocturna para marabillarse coa chuvia das bágoas de San Lourenzo.

REVISTA MAIO

986 32 00 48 | info@piratasdenabia.com | @piratasdenabia | piratasdenabia.com

Noelia Álvarez

Redactora