Oscar Avendaño homenaxea ás salas pechadas no seu último videoclip
‘Los chicos’ é o segundo adianto de Perros Negros, o próximo disco de Oscar Avendaño y Reposado. No seu videoclip, obra de Denis Carballás, percorre algunhas das salas de concertos e bares musicais da cidade, un pequeno homenaxe a un dos sectores máis maltratados pola pandemia. Xa podes escoitar o disco e reservalo premendo aquí.
Resulta curioso que unha canción cunha letra tan oportuna nestes tempos pandémicos (“he pasado frente al bar en el que tú y yo soliamos quedar y ya no queda nadie aquí”) fóra gravada en 2016. É o caso de ‘Los chicos’, o último adianto do que será o seu quinto elepé en solitario de Oscar Avendaño. O de “en solitario” é un dicir, xa que aquí volve a rodearse de Reposado, como xa fixera en Burro (2015): Mauro Comesaña á batería, Andrés Cunha ao baixo e Hendrik Röver á produción, guitarra, piano, banjo… Desta maneira, o músico cántabro continúa o seu idilio coas bandas viguesas, tras ter traballado con The Soul Jacket, Dixie Town e o propio Oscar.
A pesar de ser un tema antigo, o videoclip filmado por Denis Carballás dálle ese pegada actual, xa que nel vemos a Avendaño percorrer algúns locais vigueses: Mogambo, La Iguana, La Fábrica de Chocolate por fóra e a Casa de Arriba, Kominsky e La Pecera por dentro. Unha canción e un vídeo con aire melancólico, que nos fai lembrar épocas pasadas (e mellores) nas que podiamos gozar da música en directo en multitude de locais.
O disco xa se pode escoitar en liña no Bandcamp de Milana Records, o selo discográfico polo que Avendaño acaba de ser fichado. Podes mercar o álbum dixital o reservar a copia física do mesmo, que chegará nas próximas semanas. Un disco variado de música de raíz estadounidense en castelán, unha das sinais de identidade da música do baixista de Siniestro Total.