REVISTA ABRIL

Barbeira, FIV, Sinsal… os festivais galegos ultiman detalles

Xa que as novidades no referentes aos festivais galegos non deixan de sucederse semana tras semana, aquí vos deixamos un pequeno resumo de todas elas.

O Barbeira Season Fest, que se celebrará en Baiona do 31 de agosto ao 4 de setembro, vén de confirmar a La Habitación Roja, unha das bandas de indie máis importantes do Estado. Xa estiveran no festival en 2020 en formato acústico, unha edición marcada polos contretempos e o mal tempo. Para este 2022 virá a banda completa a un evento moito máis ambicioso e grande. O resto de confirmacións ata o momento son Zahara, Maika Makovski, Bala, Estrella Fugaz, Morreo e Marta Movidas. Lembra que utilizando o código “AMOVIDA” podes aforrarte 5€ ao mercar o teu abono, e tamén que este aumentará de prezo a medida que se achegue o festival, polo que mellor non deixar as cousas para o último momento.

O FIV de Vilalba, o festival máis temperán do calendario (do 22 ao 24 de abril na vila lucense) xa ten practicamente todo o cartel confirmado e dividido por días. E ollo cos nomes: Sen Senra, Carlos Sadness, Rufus T. Firefly, Cupido, Viva Suecia, Natalia Lacunza, Baiuca… Podes mercar aquí o teu abono.

REVISTA ABRIL

Pola súa banda, o Festival Sinsal anunciou as datas da súa 20ª edición. Será, como sempre, na Illa de San Simón, do 22 ao 24 de xullo. E, como sempre tamén, o cartel será un segredo ata poñer o pé no arquipélago da ría de Vigo. Desde os seus inicios, a promotora viguesa Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas emerxentes e próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo bandas do ámbito internacional; artistas que, máis adiante, formaron parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo. O ano pasado pasámolo en grande na que foi a súa volta á illa tras a pandemia.

Un pouco máis ao sur temos o Vive Nigrán, que confirmou que aumenta a tres os días de festival coa presenza dunha lenda como Miguel Ríos. O músico granadino, un dos pioneiro do rock en España, estará acompañado por The Black Betty Trío e poñerá o broche de ouro á 6ª edición do festival, que se celebrará do 15 ao 17 de xullo no campo de fútbol de Monte Lourido. O resto de confirmados ata a data son Rigoberta Bandini, Iván Ferreiro, Niña Polaca, La Bien Querida, Karavana e Colectivo da Silva. Aquí podes mercar as entradas.

FESTIVAIS GALEGOS

  • FIV Vilalba (22-24/4, Vilalba): Sen Senra, Viva Suecia, Natalia Lacunza, La La Love You, Rufus T. Firefly, Cupido, Carlos Sadness, Baiuca, Forget la france, Delafé Dj Set, Idoipe, Banda de Música de Vilalba, The Zephyr Bones, Kokoshca…
  • OurenSound Fest (27-29/5, Ourense): Rayden Sés, Hard GZ, Tanxugueiras, Xoel López, Canijo de Jerez, Dakidarria, Sexy Zebras, Grande Amore…
  • PortAmérica (2-3/6, Portas):  Andrés Suárez, Baiuca, Coque Malla, Delaporte, El Columpio Asesino, La La Love You, Lori Meyers, Mikel Erentxun, Natalia Lacunza, Rozalén ou Viva Suecia.
  • O Son do Camiño (16-18/6, Santiago): Chemical Brothers, C Tangana, Liam Gallagher, Foals, Anuel AA, Justice, Nathy Peluso, Tiesto, Jason Derulo, Dani Martín, Nicky Nicole, Sebastian Yatra…
  • Resurrection Fest (29/6 – 3/7, Viveiro): KoRn, Gojira, Judas Priest, Deftones, Sabaton, Bring Me The Horizon, Rise Against, Mastodon, Opeth ou Bullet For My Valentine
  • The Wild Fest (8-10/7, San Miguel de Oia): Aurora & The Betrayers, Corizonas, Aphonnic, Moonshine Wagon…
  • Vive Nigrán (15-17/7, Nigrán): Rigoberta Bandini, Iván Ferreiro, Miguel Ríos & The Black Betty Trío…
  • Atlantic Fest (15-17/7, Vilagarcía de Arousa): Andrés Calamaro, Fangoria, Los Planetas, Maria Arnall i Marcel Bagés, La casa azul, Rojuu, Los hermanos Cubero…
  • Festival Sinsal (22-24/7, Illa de San Simón): Cartel segreto.
  • 17º Ribeira Sacra (29-31/7, Ribeira Sacra): Teenage Fanclub, Lola Marsh, Maika Makovski, Amorante…
  • SonRías Baixas (4-6/8, Bueu): Kase.O Jazz Magnetism, Tanxugueiras, Rels B, Ciudad Jara, La MODA, Rayden, Arnau Griso, Balkan Paradise Orchestra, Buhos e García Mc & Nación Quilombo…
  • Barbeira Season Fest (31/8-4/9, Baiona): Zahara, La Habitación Roja, Bala, Maika Makovski, Estrella Fugaz, Morreo, Marta Movidas…
  • Revenidas (7-11/9, Vilaxoán de Arousa): Baiuca, Zoo, SFDK, Lendakaris Muertos, Dubioza Kolektiv e Ladilla Rusa.