UVIGO
FILLOAS

O Vigo de Xela Arias

O nome de Vigo aparece só unha vez na obra poética de Xela Arias. No segundo verso do poema «Érgome» publicado no número 3 de Katarsis (1984):

«Érgome
e Vigo vai aínda durmido
neboeira salgada
a electricidade electrizado paxariño…»

Poema rotundo, abriu o universo de Xela Arias coa súa cidade amada, a cidade en arrabade que dende a súa chegada aos sete anos percorreu de forma incansable por elección autodeterminada.

No pregón que leu o 16 de maio de 2001, sendo alcalde Lois P. Castrillo, Arias lembrou que «os vigueses sabemos, desde a orixe, de mesturas e combinacións, somos xente apaixonada», salientando así o carácter cosmopolita e aberto dunha cidade portuaria que, como a lingua galega, posúe vontade de encontro. Unha cidade que lle suxire dor, como lle confesou en 1989 á xornalista María Alonso de Atlántico Diario, quizais porque, como escribiría en Congostra (1988), «me interesa o tempo no que vivo, de Johanesburgo a Sarria pasando por un portal da miña rúa onde os adolescentes se reúnen nun mar de xiringas e lastros». Ese Vigo convulso, o volcán de dinamismos (Ferrín dixit) das folgas obreiras das décadas de 1970 e 1980, o Vigo da reconversión e da movida foi o que percorreu Xela Arias durante a súa infancia, adolescencia e mocidade, «paseo arriba», «praza abaixo», nun botarse a andar errático, como o deambular de Carlos Oroza, o poeta peripatético, o primeiro que recibiu a súa poesía en Faro de Vigo: «a fusión do aire no verso e o mar en catarse».

O Vigo da alumna aplicada e escritora precoz que cursou a EXB no Colexio de Moledo. O Vigo da estudante rebelde que fixo o BUP no Instituto mixto do Calvario. O Vigo da moza independizada aos vinte anos cando comezou a traballar como editora de Xerais. O Vigo da escritora artenauta que publicou os seus primeiros textos n’ A Nosa Terra e naquel memorable Faro de Vigo da páxina de «Mulleres» e do suplemento Pharo the Bego de Pilar Comesaña, mais tamén en revistas alternativas como Tintimán, Congostra, Katarsis ou Espiral, cando as noites moi alongadas de Vigo «convertidas en escadas de abrazos» eran un perigoso fervedoiro cultural.

A cartografía do itinerario urbano polo Vigo de Xela Arias está por deseñar. Un mapa no que non poden faltar os camiños dos Anxos e de Riobó. Nin os barrios do Calvario e de Travesas nin do Vigo vello e portuario, retratado en Denuncia do equilibrio (Xerais 1986). Nin puntos de encontro como o Café de catro a catro, o pub Alma de Poboadores, o Rosalinda do Barrio de Casablanca ou a sala Nashville de Carral, entre moitos outros.

CAMELIAS NADAL

Manuel Bragado
Mestre e editor