REVISTA ABRIL

O Vigo da Reconquista: plano e algún dato

O Vigo dos tempos da Reconquista dista moito do da actualidade. Daquela, Vigo era unha vila, principalmente mariñeira, que pertencía á provincia de Tui. Cuns 4.000 habitantes a vida transcorría no que hoxe coñecemos como o Casco Vello, un espazo fortificado ao que se accedía a través de seis portas: Porta do Berbés, da Falperra, do Pracer, do Sol, da Gamboa, da Laxe e do Mar. Todas elas desaparecidas, ao igual que a muralla da que só queda algún vestixio. Extramuros existían os barrios do Berbés, Areal e Falperra.

Para a celebración da festa, aínda que só sexa por uns días, as portas volven erixirse, iso si en cartón pedra. A maraña de rúas estreitas do casco histórico cobra máis vida que nunca e emula a vila que era a comezos do XIX con postos de comida, artesanías e oficios tradicionais. Vigo foi o primeiro lugar de España en vencer aos franceses e iso valeulle o título de ‘ciudad siempre fiel y valerosa’, outorgado por Fernando VII. Tal fito ben merece celebración e durante os días de festa máis de 30 grupos de música tradicional animarán as rúas do Casco Vello. Ademais haberá tres torreiros nos que se irán sucedendo as actuacións musicais, danza, teatro… E no Berbés haberá un espazo infantil con actividades para os cativos.