CASAACUNHA

O Shrek máis galego chega co seu musical ao Mar de Vigo

O próximo 28 de outubro teremos a oportunidade de ver a Shrek, ogro máis famoso da pantalla, no Auditorio Mar de Vigo, cantando acompañado polas demais personaxes da película. Por se fora pouco, este musical ten algo de especial: a produción é dunha compañía galega e  todos os diálogos e cancións serán na nosa lingua.

A princesa Fiona e Shrek nun momento da obra

Shrek: O Musical chega a Vigo para converterse nun dos espectáculos familiares do ano. E cando dicimos familiar, referímonos a que tanto grandes como pequenos o pasarán en grande coa obra, xa que está dirixida para todo tipo de públicos.  Shrek, Burro, Fiona ou Pinocho estarán o próximo domingo 28 de outubro no Auditorio Mar de Vigo.

“Non é a primeira vez que facemos unha adaptación dunha obra de fóra nesta compañía, xa fixemos o Rei León por exemplo” comenta Olalla Bouzas, directora da obra. “Neste caso non foi nada sinxelo conseguir o beneplácito de DreamWorks, estivemos case un ano con negaciacións”, engade. Pensa tamén que o feito de esixir traducilo ao galego non axilizou precisamente o proceso.

Mais non só é unha simple tradución, senón unha adaptación: “A trama é exactamente a mesma, que está baseada na primeira película de Shrek. Pero non só é que sexa en galego, senón que hai que adaptar os diálogos e as cancións ao noso humor, á nosa retranca”. Ao ser un filme de comedia, Olalla sentencia con que “os chistes que fan en Norteamérica non nos fan tanta graza, temos que adaptalos á nosa forma de vida, ao noso día a día”.

Banner A Movidiña

Desde Coda TM, produtora do espectáculo, queren facer fincapé en que o musical é totalmente familiar, tanto para pais e nais como para nenos e nenas: “hai un humor escondido que só van entender os adultos, polo que eles tamén se van divertir”. A aposta pola calidade é total, xa que as voces serán en directo e estarán acompañadas por un coro dunhas trinta persoas e unha banda de música totalmente visible, para que o público poida observar de onde saen todos os sons.

A historia de Shrek, a pesar de estar ironicamente situada nun mundo de princesas, fadas e dragóns, fuxe deses convencionalismos tan propios da literatura infantil. Tanto no libro orixinal de William Steig como no filme e no musical insisten na importancia de ser diferente e de quererse a un mesmo a pesar das nosas peculiaridades ou defectos.  Un canto á autoestima, ao amor e á diferenza en galego e feito por galegos. As entradas xa están dispoñibles desde 10€.

(GMT+01:00) Parque Castrelos

Shrek resumen2 from Begoña Martínez on Vimeo.