ASNEVES
REVISTA MAIO

O Season Fest converte Gondomar na capital do indie

Xoel López, Iván Ferreiro, Triángulo de Amor Bizarro, Punsetes, Capicúa, Querido, Pablo Novoa & Friends e máis dunha ducia de grupos emerxentes do panorama indie nacional protagonizan o cartel do Season Fest que se celebra do 21 ao 24 de setembro en Gondomar. Co código AMOVIDA tes un 10% de desconto no prezo do abono e ata un 33% nas entradas diarias.  

Xoel López en Castrelos en 2019 | P. Vázquez

Hoxe presentouse en Gondomar a nova edición do Season Fest, que este ano celebra o seu 5ª aniversario. A presentación tivo lugar na histórica Casa Peralba da localidade, que será un dos escenarios do festival xunto ao Parque das Ánimas, ao carón do río. O director do festival, Isaac González, dixo sentirse orgulloso de poñer en marcha un proxecto que cumpre xa 5 anos de vida e que se está a converter nun referente no panorama indie dentro e fóra de Galicia. “Fainos moi felices comprobar como grupos emerxentes polos que apostamos desde o Season Fest en anos anteriores, hoxe son programados polos grandes festivais”, destacou.

Despois de celebrar as catro edicións anteriores no municipio de Baiona, este ano o festival trasládase ao concello veciño de Gondomar; o alcalde, Paco Ferreira, mostrouse moi satisfeito de acoller o evento: “estamos contentos de albergar un festival deste calibre que a piques estivo de non celebrarse no Val Miñor”. O festival, terá lugar do 21 ao 24 deste mes no Parque das Ánimas e a Casa Peralba de Gondomar. Xoel López, Iván Ferreiro, Triángulo de amor bizarro, Los Punsetes, os portugueses Capicúa, Querido, Pablo Novoa & Friends e os grupos emerxentes de dentro e fóra de Galicia Margarita quebrada, Anabel Lee, Xenia, Firmado, Carlota, Lusillón, Aeronave adolescente, Visions of Johanna, Sr. Jingles, Habitación Vudú, Tarde a todo e Señora DJ, protagonizan o cartel dun dos festivais máis importantes do calendario estival de
Galicia. O festival contará unha vez mais co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Fest Galicia, AIE, Concello de Gondomar, e Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que crea encontros en torno ao directo. Tamén colaboración de empresas como el Grupo HGA.

Entradas

As entradas están xa dispoñibles na web do festival onde se poden adquirir por días ou en abono para os tres días de festival. En A Movida contamos co código promocional AMOVIDA que aplica un interesante desconto a todas as entradas. Nos abonos, o aforro é do 10% (de 55€ a 45€); a entrada do venres baixa un 25 % (de 22€ a 15 €); a do sábado un 11% (de 49,50€ a 40 €) e a do domingo un 33% (de 16,50€ a 10 €) introducindo o código na billeteira.