ASNEVES
REVISTA MAIO

O Season Fest cambia Baiona por Gondomar

O festival Season Fest xa ten novo emprazamento, celebrarase do 21 ao 24 de setembro en Gondomar. O festival mantén integramente o cartel que se ía celebrar en xuño en Baiona con Iván Ferreiro e Xoel López á cabeza. As entradas están dispoñibles na web do festival e co código AMOVIDA obteredes un desconto de 5,00 €.

Barbeira Season Fest 2022. | P. Vázquez


O Season Fest elimina o termo ‘Barbeira’ do seu nome ao tempo que abandona Baiona e presenta nova ubicación para a edición de 2023 que finalmente se celebrará do 21 ao 24 de setembro. O espazo escollido pola organización é o concello veciño de Gondomar, concretamente o festival realizarase no Parque da Coelleira e no Parque das Ánimas. Isaac González, director do Season Fest, di sentirse “moi satisfeito” coa nova ubicación. “Gondomar permítenos permanecer no Val Miñor, unha das zonas máis bonitas e con máis recursos do sur da provincia de Pontevedra”, sinala. Ademais, comenta que “outro dos propósitos era buscar un lugar achegado ao emprazamento anterior para non romper os plans de toda a xente que xa mercara o seu abono e tiña hoteis reservados pola zona”. Pola súa banda, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, declara que “Gondomar recibe ao festival cos brazos abertos e agradecemos a confianza da organización. É unha honra para nós acoller un festival desta categoría. Ademais, que mellor ocasión que esta para que un veciño ilustre de Gondomar, como Iván Ferreiro, poida ofrecer un gran concerto na súa casa.

A organización do Season Fest, anuncia ademais que se manterá integramente o cartel que se fixera público hai uns meses. Xoel López, Iván Ferreiro, Triángulo de amor bizarro, os portugueses Capicúa e os grupos emerxentes do panorama indie de dentro e fóra de Galicia Margarita quebrada, Anabel Lee, Xenia, Firmado, Carlota, Lusillón, Aeronave adolescente, Visions of Johanna, Sr. Jingles, Habitación Vudú, Tarde a todo e Señora DJ, son os grupos confirmados para esta nova edición do Season Fest coa que o festival de Baiona cumpre o seu 5º aniversario.

O público que queira asistir ao Season Fest pode mercar o abono na web, todos as persoas lectoras deste medio obteredes un desconto de 5,00 € na vosa entrada ao festival empregando o código AMOVIDA.