REVISTA ABRIL

O Primavera do Cine trae ‘O Método Morris’

O sábado 4 de maio ás 11:00 no Auditorio Municipal o famoso actor vigués Antonio Durán ‘Morris’ impartirá un seminario/charla sobre a súa experiencia no mundo da interpretación, que levará por título ‘O Método Morris’. Terá un custe de 10€.

O actor Antonio Durán ‘Morris’ o pasado ano na Porta do Sol | Pablo V.

Morris é sen dúbida un dos actores máis recoñecidos dentro do mundo da interpretación en Galicia. Son moitos os que o lembran dos seus papeis en series tan populares como Pratos Combinados (1995 – 2006) ou Padre Casares (2008 – 2015), ademais de participar noutras a nivel nacional (Fariña, El ministerio del Tiempo, O final do Camiño, Los Serrano…). Ao longo dos seus máis de 30 anos de experiencia interpretativa, Morris participou en máis de 25 longametraxes, máis de 20 obras de teatro, centos de capítulos en series de televisión dentro e fóra de Galicia e estivo nomeado ata en 17 ocasións aos Premios Mestre  Mateo nos que conseguiu 5 figuras.

REVISTA ABRIL

Toda esta experiencia é a que tentará transmitir o sábado 4 de maio ás 11:00 no Auditorio Municipal do Concello. ‘O Método Morris’ é unha das actividades paralelas á sección oficial do festival Primavera do Cine, que terá unha duración de dúas horas e un custo de 10€. O actor explicará o seu método de “actuación autodidacta”, unha forma xenuína de facerse co control de cada personaxe, que leva perfeccionando desde hai máis de tres décadas. Ademais, tamén falará das experiencias que viviu desde dentro do audiovisual galego así como da súa evolución como actor.

O Festival Primavera do Cine xa recoñeceu o inxente labor de Morris en 2017 outorgándolle a Mención Honorífica. O que fora ‘Vigués do Mes’ na nosa revista en papel de setembro sempre defendeu a necesidade de que exista un festival de cine en Vigo e decidiu sumarse a el ao igual que fixeron o director Álvaro Gago e o director de animación, ilustrador e debuxante de cómics Alberto Vázquez.

Podes inscribirte premendo na seguinte ligazón.

(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello