REVISTA ABRIL

O Primavera do Cine abre a recepción de obras e anuncia unha sección infantil

A organización do Festival Primavera do Cine en Vigo abre o prazo de recepción de películas, unha chamada dirixida a creadores galegos e de países das áreas lusófonas e que abrangue longas, curtas e videoclips. O festival celebrará a súa décima edición no mes de setembro e engadirá unha nova sección dirixida ao público miúdo.

O Festival Primavera do Cine segue a estela de Cans, GFFF e FicBueu e abriu onte, mércores 24 de febreiro, as vías de recepción do traballos que formarán parte da súa próxima edición. O certame de cinema galego e lusófono abandona por segundo ano a primavera e volverá celebrarse en setembro, concretamente do martes 7 ao domingo 12 dese mes. Deste xeito, compartirá estación con outros dos principais certames cinematográficos da provincia de Pontevedra, formando así un circuíto que comezará co Festival de Cans, continuará co Primavera do Cine e seguirá co FIC Bueu e o Play-Doc.

REVISTA ABRIL

Os cineastas e produtores que desexen inscribir unha peza poderán facelo desde hoxe e ata o 30 de abril e deberán facelo a través da web primaveradocine.com. A convocatoria vai destinada a películas de produción galega en tres posibles formatos: curtametraxe, longametraxe e videoclip; e tamén a curtametraxes e longametraxes de países das áreas lusófonas. Os filmes deberán estar producidos a partir do ano 2019.

Como en anos anteriores, as proxeccións de longametraxes terán como sede o Auditorio do Concello mentres que as curtametraxes estarán rempartidas entre este emprazamento e o Museo MARCO. A organización destaca que elaborará unha programación de alta calidade, en correspondencia co bo momento polo que está a pasar a cinematografía galega. Buscarase ofrecer títulos moi variados en canto a xéneros cinematográficos e propostas estéticas que resulten atractivas para os espectadores e onde unha boa parte da programación estea ligada ao compromiso social e aos valores humanos.

Unha das primeiras novidades que avanza a organización do evento é a creación dunha sección de curtametraxes infantís dirixida ao público máis novo. Esta sección estará sometida á valoración dun xurado moi especial, composto por nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos.