O Pint of Science achega a ciencia aos bares de Vigo
O festival internacional Pint of Sicience celébrase por primeira vez en Vigo entre o 14 e o 16 de maio. Trátase dun encontro de ciencia nos bares que pretende achegar o traballo que fan os investigadores ao público dun xeito divertido. É gratuíto e celebrase no café de Mario.
En maio de 2013 celebrouse o primeiro Pint of Science en Inglaterra. Tras o éxito do evento, que reuniu a científicos de renome, o festival exportouse a outros moitos países. Hoxe arranca unha nova edición do festival que se celebrará por primeira vez en Vigo e simultaneamente en 56 cidades de España e moitas outras de todo o globo.
As tres xornadas do evento vigués terán lugar no café de Mario a partir das 20:00, é un evento totalmente gratuíto no que se falará de diferentes aspectos científicos dunha maneira divertida e con exemplos que todos podamos entender e nos que tamén haberá música, espectáculos de maxia e xogos para que o público interactúe.
Luns 14: Desenrolo dos sentidos
O noso corpo está en continua harmonía co ambiente e con nós mesmos. O Sistema Inmunitario protexe ao Sistema Nervioso, que a súa vez actívase e esperta os nosos sentidos a través da música.
O evento arrancará con África González do departamento de CINBIO da Universidade de Vigo que explicará en que se asemellan o sistema nervioso e o inmunitario:
Os sistemas Nervioso e Inmunitario son os únicos que gardan memoria. Pero, parécense nalgunha cousa máis? Aínda que a priori teñen función ben diferentes, gardan moitas similitudes no relativo a diversidade celular, complexidade e colaboran e interaccionan entre eles. Na base de moitas enfermidades mentais podería estar o sistema inmunitario e viceversa. Ao comprender o seu funcionamento axudará a mudar o paradigma establecido de dous sistemas que se vían independentes.
A continuación haberá música en directo a cargo de Maldito Murphy, o grupo vigués de pop-rock gañador dos últimos premios Maketon, na categoría de mellor disco auto editado, polo seu traballo ‘No éramos tan ciegos’.
Síguelle Diego Fernández da Universidade de Vigo que falará de como bailan o cerebro e a música. Como procesa o noso cerebro a música? Por que algunhas cancións nos emocionan, outras nos excitan e outras nos alteran? Como poden certas persoas xerar pezas musicais tan marabillosas? Diego intentará dar resposta a estas e outras preguntas dunha maneira divertida e amena.
Martes 15: A óptica e a fibra óptica
En Tech me Out conxúganse dúas materias que nos afectan socialmente, unha dende tempos ancestrais e outra na nova era tecnolóxica: Internet das cousas… e das persoas.
Juan Carlos López Ardao conducirá a primeira charla: Imaxínase un frigorífico que avise da caducidade dos alimentos? Ou unhas zapatillas que rexistren as súas estatísticas do que corre cada semana? Estes son algúns exemplos do que se coñece como Internet das cousas. Pero nas redes do futuro, as persoas tamén xogarán un papel crucial, mudando a nosa forma de traballar, relacionarse, comunicarse, divertirse, comprar… Suporá tamén un gran impacto en servizos esenciais como a educación, a sanidade e, como non, a economía.
A continuación, actuación de maxia en directo con Alexis que demostrará que a maxia pode desafiar as leis físicas.
Tras o espectáculo Verónica Montes falará de Nanotecnoloxía: xogando con metais na nanoescala. Metais preciosos como o ouro ou a prata veñen sendo un símbolo de poder e riqueza dende as primeiras civilizacións ata o presente día. ¿Pero que pasa coas propiedades destes metais cando os facemos moi, moi pequenos?, é dicir cando os convertemos en nanopartículas. As súas propiedades cambian completamente. Dependendo da composición, forma, tamaño e mesmo do medio en que se encontren, estas nanopartículas metálicas poden usarse para aplicacións tan diversas como fabricación de sensores de diferentes enfermidades, liberación controlada controlada de medicamentos ou mesmo para curar un cancro.
Mércores 16: Coñecemos a nosa sociedade?
A linguaxe e o pago de impostos condicionan a nosa sociedade. Jaime Aneiros preguntarase se están xustificados os impostos: A finalidade principal dos impostos é a de satisfacer o gasto público relacionado non só co sosteñemento da administración, senón tamén coas necesidades colectivas como a sanidade, a educación e a investigación. A súa aceptación social non é sempre positiva e na actualidade crean moita controversia. Irá seguida dunha partida de trivial na que o público poderá demostrar canto sabe e levarse un premio sorpresa de regalo. Para finalizar o coñecido Profesor Jorge Mira falará do formigueiro humano bilingüe: así fainos escoller idioma: Aínda que ao principio poderíamos pensar que temos absoluta liberdade á hora de tomar decisión, a realidade é outra. Ao observar unha sociedade no seu conxunto, descúbrase que emerxen certas propiedades do colectivo que son susceptible de descrición matemática e, polo tanto, de ser predicibles. É o que ocorre por exemplo na elección do idioma en comunidades bilingües como a galega. A forma en que esas poboacións escolleron a súa opción lingüística obedece a certas normas.