REVISTA ABRIL

O Marco presenta a exposición máis extensa de Juan Giralt

O artista madrileño Juan Giralt, finado en 2007, é o protagonista da nova exposición do Marco, que se pode visitar ata o 25 de febreiro de 2024 no primeiro andar do edificio. Esta mostra é a máis ampla que se ten feito dun dos artistas máis suxestivos e singulares do cambio de siglo estatal. Fotos: P. Vázquez

REVISTA ABRIL

Virtuoso da cor, reactivo á solemnidade e afecto ao humor e ao xogo metapictórico, Juan Giralt demostrou moi cedo unha vontade de busca, de fuxida dos estereotipos e os encadramentos, que o levaría a experimentar con diversas linguaxes.

Este proxecto, comisariado polo seu fillo Marcos e o director do museo Miguel Fernández-Cid, repasa superficialmente as etapas previas do seu traballo e céntrase neses anos de plenitude, entre finais dos oitenta e a súa morte en 2007, nos que o seu estilo alcanzou un peso de clásico. A pegada do seu desinhibido eclecticismo e do seu peculiar tratamento do espazo pictórico, ao que incorpora a técnica da colaxe, é rastrexable en moitos artistas posteriores. Pintura no arame, construída á vista, de síntese, de conciliación entre extremos, intelectual e fría, pero ao mesmo tempo fortemente emocional, salpicada de palabras pintadas, de obxectos evocados da vida cotiá, de xanelas tras as que se insinúan outeiros, de anacos de carteis publicitarios, de láminas escolares, de fotos…

Pintor de pintores, respectado e influente, Juan Giralt non obtivo a proxección que a súa brillante traxectoria merecería. Con esta exposición, na que se reúnen obras sobre lenzo e papel de pequeno e gran formato, o Marco únese ao esforzo por reivindicalo. A maiores da mostra, o museo presentará un catálogo con imaxes das obras e no que diferentes artistas como Carmen Giménez, Darío Villalba ou Daniel Verbis recoñecen a influencia e o xenio do pintor madrileño.