O libro-disco ‘Aute canta a Oroza’ será presentado esta fin de semana
Esta semana a Sede Afundación albergará dúas actividades con motivo da presentación do libro-disco Aute canta a Oroza, no que o cantautor Luis Eduardo Aute musicaliza versos do poeta galego Carlos Oroza.
O punto de partida deste libro-disco foi unha charla de Javier Romero, director da Editorial Elvira, con Carlos Oroza. Só Aute, na súa opinión, podería musicar a súa poesía, respectando o contido e significado da mesma. O resultado é o de dous poetas que conseguen fusionarse sen querer e sen perder nada da súa propia identidade. No disco está Oroza e está Aute. A poesía de Carlos, a voz e a sensibilidade de Eduardo unidos pola música. O proxecto lévase xestando estes dous últimos anos, e finalmente puido saír á luz o pasado xuño.
O libro-disco contén, ademais dos poemas e fotos repartidos en 82 páxinas, unha explicación honesta de todo o proceso creativo a través dunha conversa co produtor musical Javier Monforte. Atopamos nestas palabras o contexto que necesitamos para gozar destes ritmos telúricos e verdadeiros, o demais é abstracción espontánea. Xa se pode mercar na web da Editorial Elvira por 25€.
O día 8, ás 20:00, na Sala de Conferencias da Sede Afundación, haberá unha mesa coloquio sobre a figura de Carlos Oroza na que está confirmada a presenza de Antón Castro, Javier Monforte e Antón Patiño. A mesa redona finalizará coa lectura de poemas de Oroza a cargo de Carlos López Font, Uxía Blanco, Alicia Borrás, Marcos de la Fuente, Graciela Baquero Ruibal e María Lado, entre outros. Ese mesmo día, ás 10:30 da mañá, será colocada unha placa hmenaxe na tumba do poeta no Cemiterio de Pereiró, como xesto de entregarlle este último traballo ao autor, que non chegou a escoitar ningunha das cancións en vida.
O día 9, no Auditorio deste mesmo edificio e ás 20:00 de novo, será o acto de presentación do traballo Aute canta a Oroza con proxección do vídeo Oroza en Vigo, música en directo por parte de Su Garrido Pombo e a actuación preparada pola Asociación Igual Arte, interpretando un dos temas do disco. Neste acto contaremos ademais coa presenza de Abel Caballero, Javier Monforte, Xosé Luís Méndez Ferrín e de José Ramón Aute, irmán do cantautor. Ambas actividades son de balde ata completar aforamento.
Como proxecto de futuro para o próximo ano, Javier Romero destaca a creación da Fundación Carlos Oroza en Vigo, para dar a coñecer aínda máis a súa poesía e facer que a arte chegue ás rúas que tanto transitou o artista viveirés.