CAMELIAS MASCOTAS

O Laxeiro retranqueiro ao descuberto

A mostra ‘Os Monos de Laxeiro’ recolle as viñetas humorísticas que Laxeiro publicou en ‘Faro de Vigo’ e ‘El Pueblo Gallego’ ao comezo da súa carreira. Unha faceta case descoñecida do artista á que nos podemos achegar por primeira vez visitando a exposición que se inaugura esta tarde na Fundación Laxeiro. Onde permanecerá ata o 16 de setembro.

Con tan só 20 anos, un Laxeiro recén chegado de Lalín presentouse en sociedade a través das viñetas humorísticas publicadas nos xornais máis influentes da época en Vigo: o ‘Faro de Vigo’, onde Laxeiro publicou un total de dez viñetas entre 1928 e comezos de 1929; e, a posteriori, ‘El Pueblo Gallego’ onde aparecerían publicadas outras 39 viñetas. Todas elas son recollidas na exposición ‘Os monos de Laxeiro’ que se inaugura hoxe a tarde na fundación Laxeiro (Casa das Artes) ás 19:00 horas. A través desta mostra achegámonos ao Laxeiro máis descoñecido que, contribuíu a época dourada do humor gráfico galego, vivida entre a década dos 20 e os 30 e da que son representantes autores como
Queda latente durante este período o compromiso de Laxeiro co galeguismo e a súa preocupación pola actualidade, que en moitas ocasións é o tema central das súas viñetas. Aínda que a maioría das viñetas recollen escenas do mundo labrego cun humor moi retranqueiro, hai outras que fan referencia directa sobre a situación político e social que vive Galicia e incluso que se respira no mundo. Bo exemplo delo é unha viñeta titulada ‘Perigo amarelo’ que fai referencia a unión de China e a Unión Soviética.
Javier Perez Buján, director da Fundación Laxeiro, asegurou na presentación da mostra aos medios de comunicación, que “esta exposición é a culminación dun longo proxecto de investigación, a través do que se quere recoller, rexistrar e documentar as diferentes facetas do artista. As pezas expostas foron reproducidas, directamente das follas dos periódicos orixinais, nun coidado proceso de fotografado, deseño e impresión, respectando a cor de fondo tan recoñecible do papel de periódico para que o resultado fora o máis cercando á realidade”.
Co gallo da exposición, a editorial Laiovento edita un libro co mesmo título, que recolle a totalidade das viñetas e se completa con tres textos, a cargo de Javier Pérez Buján, Manuel Igrexas, comisario da exposición, e o periodista Félix Caballero, experto en humor gráfico galego.
Un percorrido por esta exposición é unha oportunidade única para achegarnos á sociedade galega de finais dos 20, que se debatía entre a tradición e a entrada na modernidade. E para afondar na figura deste multidisciplinar artista, que a través destas viñetas nos deixa entrever trazos descoñecidos do seu carácter e do seu pensamento. Na Fundación Laxeiro ata o 16 de setembro.

(GMT+01:00) Fundación Laxeiro

(GMT+01:00) Fundación Laxeiro

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.