O Instituto de Estudios Vigueses afonda na identidade de Vigo a través de conferencias e visitas guiadas
O Instituto de Estudios Vigueses, organismo que traballa na investigación e divulgación de todo o que ten que ver con Vigo e a súa bisbarra, presentou a programación do seu Fórum 2025, no que propoñen conferencias e visitas guiadas ao longo de todo o ano sobre diferentes temas relacionados coa cidade.
A principal función do Instituto de Estudios Vigueses é investigar todo o relacionado coa historia de Vigo e arredores (toponimia, arqueoloxía, arquitectura, arte, etnografía, literatura, xeografía, natureza, etc.), mais de pouco valería todo este traballo se non existe despois un esforzo por difundilo. Deste xeito, o IEV publica anualmente a revista Glaucopis e numerosos libros de temática variada, pero tamén organiza unha serie de eventos presenciais baixo o paraugas do Fórum IEV 2025.
O Fórum 2025 preséntase baixo o título Vigo, sinais de identidade. Afondarase na percepción da paisaxe e o territorio de Vigo, nos seus ecosistemas e nun dos nosos principais sinais de identidade, o seu nome. O ciclo de charlas, gratuíto, dará comezo o xoves 20 de febreiro cunha conferencia de Fernando Fernández Soto, naturalista e fotógrafo, sobre as ameazas aos ecosistemas de Vigo e da súa contorna. Seguro que a parroquia de Bembrive ocupa un oco importante neste coloquio.
Como outros anos, tamén haberá un concerto comentado. Nesta ocasión serán cancións acompañadas ao piano sobre a música de Jules Verne, a primeira vez que se estrea na nosa cidade, o mércores 19 de marzo a cargo do pianista, doutor en Música pola Universidade Politécnica de Valencia e membro do IEV, Alejo Amoedo e a mezzosoprano Nuria Lorenzo. Outro dos eventos que máis chaman a atención é, precisamente, o último: Mesa redonda arredor do patrimonio industrial de Vigo e o patrimonio inmaterial das mulleres que traballan na extracción e transformación dos produtos do mar, tema que tratamos en profundidade na nosa revista de setembro de 2024.
Tampouco pode faltar unha actividade que xa se vai convertindo nun clásico: o paseo guiado pola ría de Vigo o 12 de xuño. Este ano a explicación centrarase no desenvolvemento urbano de Vigo visto desde o mar e no contexto da ría. O responsable é o doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago, profesor titular da Universidade de Valencia e membro do Instituto de Estudios Vigueses Xosé Manuel Souto. Esta non será a única visita guiada: o 22 de maio ao noso salón verde, a Alameda; e o 11 de setembro, á igrexa de San Francisco e a Casa de Caridade.