REVISTA ABRIL

O Festival Sinsal desvela a súa programación no Museo do Mar

Tres xornadas de concertos que aúnan tradición e vangarda entre os días 13 e 21 de novembro. Así será o novo Sinsal Museo do Mar, o ciclo de Sinsalaudio que se celebrará a partir deste sábado na cidade de Vigo e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22. Xunto ao concerto inaugural de Luísa Sobral, que terá lugar o vindeiro sábado 13 no Teatro Afundación, artistas como Nico Casal, Marco Maril, Verde Prato, rebe, Nacho.Faia.Lar e Adrian Timms sumaranse a semana que vén ao evento, que amplía a súa programación con dúas xornadas de celebración no Museo do Mar.

Nicolás Pastoriza actuando no interior do Museo do Mar en 2019 | P. Vázquez

Sinsal Museo do Mar comezará este sábado 13 cun concerto inaugural de Luísa Sobral, unha das voces novas máis salientables da escena musical portuguesa. As creacións da cantante e compositora transitan entre os universos sonoros do jazz, do folk ou do indie, dos que dará boa conta no directo que ofrecerá no Teatro Afundación, e para o que todavía quedan entradas a través de www.ataquilla.com. Sobral presentará en Vigo un repertorio no que destaca Rosa (2018), traballo íntimo e cru producido por Raül Refree, ou Luísa (2016), disco aclamado pola crítica portuguesa.

O ciclo completará a súa programación cos novos directos que se celebrarán no Museo do Mar na tarde do sábado 20 (17.15 a 22.00 horas) e na mañá do domingo 21 (13.00 a 14.00 horas) e para os que xa está activa a venda de entradas en enterticket.es. Unha ampla variedade estilística fiada pola  contemporaneidade, a proximidade e as voces femininas definen esta programación, que recolle propostas diversas e pouco habituais no circuíto das salas de concertos ou festivais e varias estreas ante o público vigués. 

O recinto museístico contará con dous escenarios, situados nas salas Curiosidades científicas Lonxa, nos que se sucederán os concertos ao longo da tarde. Na primeira das salas, a máis pequena das dúas, terán lugar as actuacións en acústico do compositor e produtor británico residente en Vigo Adrian Timms e dunha das revelacións da escena actual: a poliédrica e hipnótica rebe.

A sala de maior capacidade, Lonxa, acollerá na tarde do sábado 20 os concertos do músico e artista sonoro Marco Maril, que presentará por primeira vez en Vigo o seu último disco, 15.11.18, inspirado precisamente no Museo do Mar; Verde Prato, unha das máximas expoñentes da xeración de artistas que está a recuperar e reformular a tradición popular vasca da man de elementos electrónicos, debutará na cidade; e Nacho·Faia·Lar, o novo proxecto dos recoñecidos músicos Nacho Muñoz, Faia e Lar Legido. Ao día seguinte, ás 13.00 horas do día 21, o pianista e compositor galego de bandas sonoras Nico Casal ofrecerá o seu primeiro concerto na cidade olívica.

Xunto aos nomes que completan o cartel, outra das novidades deste Sinsal Museo do Mar é que a organización ofrecerá catro tipos de entrada, á venda desde hoxe mesmo: un bono para asistir a todos os concertos do sábado (25€), entradas para público maior de 12 anos (8€ cada sesión), billetes para menores de 12 anos ou desa idade no momento de celebración (3€) e, finalmente, entrada de balde para as e os menores de 3 anos. Á hora de realizar a compra na plataforma Enterticket, o público poderá escoller o tipo de billete que lle interese.

PROGRAMACIÓN

REVISTA ABRIL

13 de novembro, 20.30 | Teatro Afundación
Concerto inaugural de Luísa Sobral


20 de novembro, 17.15 a 20.00 | Museo do Mar
17.15 – Marco Marill
18.15 – Adrian Timms
19.15 – Verde Prato
20.10 – rebe
21.00 – Nacho·Faia·Lar


21 de novembro, 13.00 | Museo do Mar
Concerto de clausura con Nico Casal