CAMELIAS MASCOTAS

O festival poético Kerouac volve a comezos de outubro

O festival internacional de poesía Kerouac chega á súa novena edición en Vigo, que se celebrará do 2 ao 6 de outubro e contará coa presenza de Rocío Cerón, Montenegro e Fisher, Samir Delgado ou Yolanda Castaño. Nos últimos anos o festival deu o salto a lugares tan dispares como Cidade de México ou Nova York.

Rocío Cerón no Kerouac New York | Bernard Betancourt

Hai cousa de nove anos os vigueses Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente organizaron a primeira edición do festival Kerouac na nosa cidade, un evento que mostrase o mellor da poesía, performance e acción artística ao público local. Ese debut foi no xa desaparecido La Fiesta de los Maniquíes, en Churruca, cos lisboetas Volta-Face como cabeza de cartel, acompañados de Juanma Lodo, Xesús Valle, Tiatreros, Guy Bobillo ou Inversa Teatro, entre outros. Tras case unha década, o festival conta con sedes en Cidade de México e Nova York (onde organiza mensualmente o evento This is Poesía), ademais de ter invitado a máis de 200 artistas a Vigo.

REVISTA NOVEMBRO

Este ano o festival volta do 2 ao 6 de outubro en diferentes localizacións, como serán a Galería Sargadelos, a cafetería de El Corte Inglés e, como novidade, a sala Radar. Onde terá lugar a sesión vermú, aínda por confirmar. A gran artista invitada será a poeta mexicana Rocío Cerón, unha das voces máis importantes da poesía contemporánea no seu país, activista cultural e directora do festival Enclave. Tamén a parella de performers e artistas conceptuais Luna Montenegro e Adrián Fisher, que chegan desde Londres e que teñen xirado por todo o mundo coas súas instalacións artísticas e sonoras. O resto do cartel o forman o canario Samir Delgado, o proxecto Moloch (formado por Violeta, guitarrista do grupo Bala), Lúa Mosquetera, Bella Brilha, Luis Casanova, Javier Martín, Sabela Mendoza e máis artistas por confirmar.

Ademais de varias accións poéticas, o festival complétase co Poemobil e o Poetry on Board, polas rúas de Vigo e pola súa ría, poetas e performers comparten espazo cotián coa cidadanía. Outra das actividades que se repetirá este ano será a de #omurodxspoetas, na que todo o que queira participar pode enviar un verso, estrofa ou haiku a omurodxspoetasvigo@gmail.com. A poetógrafa Sherni Kaur será a encargada de plasmar estes fragmentos en distintos azulexos, que se engadirán ao muro situado na rúa Londres.

Tamén aos institutos acudirán os poetas, para dar unha visión distinta ás novas xeracións do que pode ser a poesía. Cinco días de recitais, concertos, performances e accións poéticas que devolven a Vigo o amor e a excitación pola cultura menos comercial, nas distintas formas e expresións que a poesía pode adoptar no noso tempo.