CAMELIAS MASCOTAS

O Festival Kerouac de poesía visita México por terceira vez

Tras celebrar o décimo aniversario de maneira semi-presencial o pasado mes de outubro, o Festival Kerouac leva a súa poesía a México por terceira vez. Cun formato tamén híbrido, do 22 ao 24 de xaneiro poderemos coñecer e gozar de propostas chegadas desde España, Estados Unidos e, por suposto, México.

O Festival Internacional de Poesía Kerouac, creado polos artistas vigueses Marcos de la Fuente e Vanesa Álvarez no 2011, non entende de fornteiras. Desta maneira, realizaron diferentes edicións en Vigo, Nova York e México, como a que se vai celebrar do 22 ao 24 de xaneiro cun evento físico nos xardíns de Coyoacán e dous días de recitais e accións poéticas retransmitidas por redes sociais desde distintos puntos do país centroamericano.

Na súa terceira edición México, o Festival Kerouac contribúe á dinamización do espectro poético mexicano, que se atopa, enriquece e influencia coas propostas chegadas desde España e EE. UU. Este ano, nunha edición híbrida, sobrevive á pandemia e ao confinamento e percorre o país mexicano polos seus estados, descubrindo aos poetas nas súas diferentes linguas e culturas. Reunir e detonar as distintas escenas que basculan ao redor da poesía, nunha mostra excitante e contemporánea do estado actual da arte poético no país mexicano é o principal obxectivo do certame.

Ademais do castelán, do galego e do spanglish, nos recitais tamén terán oco idiomas nativos como o náhuatl, con máis de 16 séculos de historia, ou o idioma maya ou yucateco, derivado das linguas mayenses, segundo idioma nativo máis falado en México despois do náhuatl.

Programación


Venres 22 xaneiro
13 h México / 20 h España. Zoom e redes sociais Festival Kerouac

Especial Bifrontes: recital e conversación poética e transoceánica con Rocío Cerón e Chus Pato e a música en directo de Fabián Ávila Elizalde.

Sábado 23 xaneiro
13 h México / 20 h España. Zoom e redes sociais Festival Kerouac

Percorrido polo país mexicano na voz dos seus poetas e as súas diferentes linguas conectando México con Nova York e Galicia.

Coa participación de Marcos de la Fuente – Nova York; Lara Dopazo Ruibal – Marín, Galicia; Samir Delgado – Durango; Balam Rodrigo – Chiapas; Angel Sulub – Felipe Carrillo Porto, Quintana Roo; Hubert Matiuwaa – Guerrero; Horacio Warpola – Querétaro e Karloz Atl & Circus Gitanus– Mérida, Iucatán.

REVISTA NOVEMBRO

Domingo 24 xaneiro
13 h México / 20 h España. Evento en vivo desde as redes sociais do Festival Kerouac

La Mano – Xardíns de Coyoacán – CDMX: mostra da escena poética de CDMX nas súas distintas variantes.

Coa participación de Tania Favela – Poesía; Zazil Collins – Poesía; Carlos Kobra – Slam poetry: Lucía Hinojosa e Klaus Sour – Música e performance e Jessica Rodarte – Ultrapoesía.