VIALIA
bannerPicnicSesions

O Festival de Cine Inclusivo arranca con dúas actividades en liña

Aínda que ata o día 12 deste mes non arranca a programación presencial da sexta edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, xa están en marcha dúas actividades que se desenvolverán online: o concurso de webseries e unha charla con Bob Pop sobre ‘Maricón perdido’.

Imaxe da webserie australiana ‘The common thread’.

Por segundo ano consecutivo o festival convídanos a converternos en xurado co segundo concurso de webseries. Desde onte xa se poden ver e votar na web do festival os cinco traballos que entran a concurso nesta nova edición. Os internautas poderán escoller a súa serie favorita ata o 14 de outubro ás 14,00 horas. Esta iniciativa contou cunha acollida espectacular o ano pasado, con máis de 14.000 votacións. Nesta edición participan as series galegas ‘Arrieros somos’ e ‘Camiñantes do noso’ ambas de Rubén Ríos, ‘Docway’ de Cristina Maró; as tres ambientadas no Camiño de Santiago. Desde Euskadi chega o traballo de Izaskun Arandia ‘Ni Nai Naizena’, que conta a historia de 10 transexuais. Por último o australiano Darius Devas participa coa webserie ‘The common thread’ na que se entrevista con varios mozos que sofren algunha enfermidade mental.
Por outra banda, o próximo martes día 5 terá lugar a primeira actividade do festival que correrá a cargo de Bob Pop, alter ego de Roberto Enríquez. Baixo o título ‘Como reecontrarse cun mesmo a través da ficción’ o creador falará da súa experiencia na súa primeira incursión na creación de series de ficción con ‘Maricón Perdido’. Esta serie que actualmente se pode ver en TNT é unha recreación da súa vida, unha especie de reescritura persoal na que realidade e ficción se mesturan. A actividade conducida por Bob Pop será online este martes día 5 ás 12 do mediodía e os interesados poderán conectarse a través das redes do festival (@FestivalCineInclusivo ).